Oficina CEER
 19-08-2007
A USC imparte o único máster en Galicia sobre finanzas cuantitativas

A Universidade de Santiago de Compostela impartirá por vez primeira a partir de outubro o Máster Propio en Finanzas Cuantitativas, o único en Galicia sobre esta cuestión e un dos poucos en toda España. O prazo de preinscripción xa está aberto.

Especialmente dirixido a titulados en Matemáticas, Estatística, Física, Enxeñaría, Económicas e Empresariais, este máster está co financiado por Caixanova. Asemade, tanto no deseño deste posgrao coma na posta en marcha das súas materias, participan expertos da empresa consultora Analistas Financieros Internacionales.

Actualmente, sectores como a banca, as xestoras de fondos ou as compañías de seguros demandan un maior número de profesionais formados en finanzas cuantitativas asegurando a súa inserción laboral. Por iso, os contidos que ofrece este Máster en Finanzas Cuantitativas son moi distintos aos estudos clásicos de posgrao en ‘banca e finanzas’, que tradicionalmente están orientados a alumnos cunha determinada formación previa en economía.

O mundo das finanzas está a empregar ferramentas matemáticas moi sofisticadas para avaliar e xestionar os diferentes riscos dos produtos financeiros co fin de optimizar a xestión de carteiras. Por iso, aspectos coma o cálculo diferencial, a optimización, a estatística, o análise de series temporais, a simulación ou as técnicas numéricas son hoxe en día coñecementos indispensables nos equipos profesionais de analistas financeiros.