Oficina CEER
 13-01-2012
DA ESCOLA DA VIDA ÁS AULAS UNIVERSITARIAS

Aproveitar as segundas oportunidades que ofrece a vida. Esa é a filosofía que domina dentro das aulas do Programa de Maiores, ocupadas por alumnos e alumnas que chegan a triplicar e incluso cuadriplicar a media de idade do resto dos estudantes e que, carpeta en man, comparten algo máis ca pupitres. A moitos deles, coma os veteranos María José Juanatey e Luis Mollist, de 86 e 88 anos respectivamente, as circunstancias non lles permitiron acceder ou rematar uns estudos que agora, con experiencias vitais inesquecibles detrás, retoman coa mesma ilusión da adolescencia.

Nas súas mochilas e bolsos non só hai oco para os apuntamentos e os libros: van cheas de vivencias e ilusións que agora comparten entre compañeiros e amigos. Algúns pisan por primeira vez a facultade, outros volven ás aulas que tiveron que deixar no seu día, pero todos están movidos por aquela ansia e inquietude por aprender que as circunstancias da vida lles arrebatou.

Cando a idade se converte en experiencia

Para os participantes do Programa de Maiores, incluído nas Aulas de Formación Aberta e dependente da Vicerreitoría de Extensión Universitaria, a idade non é un impedimento para acadar ese soño que aínda non puideron cumprir. "Poder dedicarlle tempo aos estudos é algo que teño en mente dende neno. No seu día colleume a Guerra Civil e ao ser o maior de nove irmáns tiven que deixar as clases de lado e poñerme a traballar para axudar na casa”, indica Luis Mollist, o alumno máis veterano. Para el aprender é sempre unha oportunidade e recorda “como na Guerra Civil había que levar unha vida reservada e eu dedicáballe tempo ao deporte, especialmente ao ciclismo, lía libros e ata me iniciei co inglés”. Para este estudante de 5º curso, esta oportunidade que lle ofrece a vida é algo que non pode desaproveitar e, por iso, “ata estou dando clases de informática para poder utilizar as aplicacións web da Universidade e así ser máis eficiente nas miñas clases”, conclúe.

Para a profesora María José Juanatey xa non só é cuestión de retomar a carreira que deixou ao quedarse viúva. Para ela “ir a clase é a alternativa á soidade, porque levo unha vida bastante caseira. Deste xeito teño unha obriga que cumprir, algo que fago con moita ilusión. Son consciente de que cometo erros porque hai xente máis nova e, ás veces, cústame seguir o seu ritmo”. Sen embargo, a vantaxe é que “como cada un pode elixir aquelas materias que máis se adaptan as súas inquedanzas, organizámonos por grupos de interese, o que fai que sexa mais doado aprender”, recorda.

O compañeirismo, unha clave para a motivación

“É unha tranquilidade saber que cando faltas a clase, por exemplo para ir ao médico, podes contar cos compañeiros para que te axuden a recuperar o tempo perdido”, indica María José Juanatey. Intercambiar apuntamentos, compartir coñecementos e recoñecer o traballo realizado polos compañeiros de pupitre é unha constante nas aulas. Para Luis Mollist aínda é emocionante lembrar “o día no que entreguei un traballo e me dixeron que o presentara diante de todos. Foi moi especial para min ver como lles gustaba e como me aplaudían”, indica. E é que, como eles mesmos recoñecen, non hai lugar para a rivalidade ou a competencia, senón que o compañeirismo e a colaboración mutua forman parte da filosofía do Programa de Maiores.

Fonte: (Jessica Fdez.) http://duvi.uvigo.es