Oficina CEER
 16-01-2012
O XIX ENCONTRO DE ECONOMÍA PÚBLICA REÚNE A EXPERTOS INTERNACIONAIS Á PROCURA DE RESPOSTAS FRONTE A CRISE

"Políticas Públicas para a saída da crise" é o lema baixo o que se vai desenvolver a finais de xaneiro o XIX Encontro de Economía Pública, cuxo programa presentou este venres 13 en rolda de prensa o presidente do seu comité organizador, o catedrático Luis Caramés.

Os días 26 e 27 de xaneiro, reuniranse en Santiago profesores de preto de trinta universidades españolas así como de Melbourne, Galway, Torino, Michoacán, Copenhague, Atlanta ou Maryland, xunto a expertos da Comisión Europea, do Bundesbank, do Banco de España, do Banco Central Europeo ou do Consello de Contas, entre outros.

Erixida en grupos independentes de reflexións, esta representación de expertos porá en común os seus traballos analíticos no campo das políticas públicas na procura de atopar respostas á profunda recesión económica actual dende o sector público. Como puxo de manifesto Luis Caramés, trátase dun contexto esixente, caracterizado pola rapidez dos cambios e a amplitude dos desafíos, “ máis complexos ca os do pasado e máis difíciles de prever”, sinalou Caramés.

O programa definido para o encontro desenvolverase en diversas sesións paralelas ás que hai que engadir a do conferenciantes convidado, o profesor da Universidade de Yale John Roemer, un destacado economista polas súas contribucións no eido do marxismo analítico e a teoría da xustiza distributiva.

Ademais, o Círculo Financeiro de La Caixa creou o premio Alexandre Pedrós, dotado con 3.000 euros, e que se outorgará ao mellor traballo presentado no encontro. O xurado presidirano Miquel Roca Junyent, en representación do Círculo Financeiro, e o catedrático da Universidade Pompeu Fabra, Guillerm López i Casasnovas.

Ligazóns relacionados:

http://www.usc.es/congresos/xix-eep/es/Presentacion.htm

Fonte: xornal.usc.es