Oficina CEER
 17-01-2012
TÁNDEMS DE CONVERSA. FALAMOS? LET’S TALK? ON PARLE?

Trabalingua organiza tándems de conversa para dar a coñecer o galego entre o estudantado estranxeiro.

Co fin de crear “embaixadores da lingua galega” cando volvan aos seus países.

Para solicitar unha praza de intercambio nunha universidade en España é preciso demostrar certo dominio do castelán. Tras meses de estadía, cando toca facer as maletas e volver á casa, entre outras adquisicións está un maior dominio do idioma español. Pero que pasa co galego? A Área de Normalización Lingüística leva anos ofrecéndolles aos alumnos e alumnas estranxeiras cursos de lingua e cultura galegas para amosarlles a riqueza do seu país de acollida, ao que moitos chegan sen saber sequera a existencia dun idioma propio.

Para complementar esta iniciativa, o propio estudantado da Universidade decidiu poñer en marcha Falamos?, unha campaña para organizar tándems de conversa entre alumnado galego e estranxeiro de modo que ambos poidan ampliar os seus coñecementos de outro idioma. A finalidade é difundir o coñecemento da lingua galega fóra das nosas fronteiras e facela máis visible a nivel internacional e detrás de este idea está a asociación de estudantes Trabalingua. Aínda que en principio este programa estaba pensado para o campus de Vigo, segundo explica Rosa Varela, de Trabalingua, “decidimos amplialo a Ourense” e destaca que ata o momento contan con 29 persoas inscritas, galegos e estranxeiros, “entre os que se atopan alemáns, italianos, estadounidenses, brasileiros e polacos”.

Creando embaixadore do galego.
A idea xorde co obxectivo de achegarlles a todo o colectivo de estudantes de intercambio a lingua propia, coa esperanza de que no futuro, unha vez regresen aos seus países de orixe, o fagan como embaixadores da lingua e cultura galegas. “Este colectivo tiña un enorme potencial por explotar para espallar o galego polo mundo”, apuntan os organizadores, para o que se marcaron varios obxectivos. Por unha banda acabar cos prexuízos que o alumnado foráneo poida ter sobre a nosa lingua e co mito de que interfire no perfeccionamento do castelán. Tamén se tenta dar a coñecer a realidade lingüística do país e espertar o interese pola cultura entre este colectivo para que no futuro sigan avanzando no seu coñecemento. Para isto os tándems de conversa ofrecen unha contorna extraacadémica para achegarse ao galego, lonxe das clases e con moita flexibilidade de horarios, lugares e contidos. Ademais, con este tipo de actividades, dende Trabalingua trátase de potenciar “que mozos e mozas galegofalantes se sintan orgullosos ao compartir a súa lingua con xente de calquera recuncho do planeta, sendo conscientes do seu carácter universal”.

A finalidades desta campaña é poñer en contacto a ambos colectivos, galegos e estranxeiros, interesados en practicar a lingua do outro, apoiándose na afinidade de seren ambos estudantes universitarios. A propia asociación será a encargada de emparellar aos interesando segundo as súas preferencias idiomáticas de xeito que eles sexan os que determinen o ritmo da súa inmersión lingüística, o horario, a frecuencia ou lugar para realizar o tándem.

Ademais, dende Trabalingua, para axudar a superar as barreiras que poidan xurdir por coñecer a unha persoa nova e manter unha conversa noutra lingua, facilítaselles unha serie de consellos para romper o xeo e unha listaxe de temas para evitar o medo a non saber de que falar. De xeito paralelo crearanse tamén grupos de conversa cun lugar e un horario establecidos, de xeito que aquelas persoas que prefiran asistir ocasionalmente a estas conversas en galego, no canto de manter un tándem de xeito periódico, poidan optar por esta outra modalidade.

Malia seren os destinatarios principais da iniciativa os estudantes de intercambio e os galegofalantes interesados en aprender outro idioma, a organización pensa tamén na utilidade para neofalantes que busquen un primeiro apoio e unha oportunidade para comezar a súa andaina na nosa lingua.

Fonte: duvi.uvigo.es