Oficina CEER
 20-01-2012
DOCENTES DAS TRES UNIVERSIDADES GALEGAS EDITAN UN LIBRO SOBRE A MULLER NA CIENCIA EN GALICIA

O libro “A muller no campo científico, tecnolóxico e de transferencia do coñecemento en Galicia” do que son coautoras dúas profesoras da Universidade da Coruña, Ana Jesús López e Almudena Fernández, alerta da redución do peso das investigadoras galegas no conxunto do Estado desde o ano 2003.

O volume, presentado no campus de Ourense, é da autoría de Alberto Vaquero, da Universidade de Vigo, Sara Fernández, Milagros Vivel e Nélida Porto, da Universidade de Santiago de Compostela, e das mencionadas Ana Jesús López e Almudena Fernández, profesoras da UDC na Escola Politécnica Superior e na Facultade de Dereito, respectivamente. No acto de presentación do libro, asegurouse que as investigadoras galegas perderon importancia respecto ao total nacional ao caer o seu peso do 5,6%, en 2003, ao 4,8%, en 2009. O perfil medio da muller investigadora ten entre 25 e 35 anos de idade e non ten fillos ou se os ten é nun número inferior aos dos seus compañeiros varóns. Tamén se indica nesta análise que os homes ocupan postos máis altos no campo da ciencia e a investigación que as mulleres e posúen unha formación menor que éstas para acceder a postos de máis responsabilidade.

Ana Jesús López chamou a atención, na presentación do volume, sobre os negativos efectos que os recortes económicos terán na investigación en xeral e na loita pola igualdade, en concreto.

Fonte: udc.es