Oficina CEER
 23-01-2012
O OBXECTO LUMINOSO QUE SOBREVOOU GALICIA EN AGOSTO CORRESPÓNDESE COA ENTRADA NA TERRA DUNHA PEDRA CÓSMICA

O obxecto luminoso que a noite do 17 de agosto de 2011 percorreu o ceo da Península Ibérica correspóndese coa entrada na atmosfera da terra dunha pedra cósmica, conclúe o Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC. Segundo o seu director, José Ángel Docobo, “parece probable unha caída de meteorito que tería lugar no Océano Atlántico, aproximadamente a 26 quilómetros da costa oeste de Portugal, o que fai imposible a súa recuperación”.

A determinación concreta do fenómeno foi posible grazas á colaboración de máis de trescentas persoas que viron no ceo unha bola de fogo moi brillante sobre todo desde Galicia (dadas as favorables condicións meteorolóxicas), pero tamén desde León, Zamora, Salamanca, Toledo, Badaxoz e Madrid. A maioría deles destacou as tres fragmentacións observadas na segunda parte do percorrido, que en total chegou aos 5-6 segundos.

Tras entrevistar a todas as testemuñas fíxose unha selección dos datos recibidos atendendo á concreción da información transmitida e de seguido a Rede Española de Bólidos e Meteoritos iniciou unha investigación liderada polo Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC.

Os resultados do estudo, que finalmente puido concluír coa determinación precisa da traxectoria do bólido, serán expostos no Lunar and Planetary Science Congress a desenvolver en Houston o próximo mes de marzo polos seus autores, José Ángel Docobo (USC), J. A. Madiedo (Universidade de Huelva) e J. M. Trigo (IEEC-CSIC).

Fonte: xornal.usc.es