Oficina CEER
 24-01-2012
TRES PROFESORES DA UVIGO E UNHA DA USC INGRESAN NA REAL ACADEMIA GALEGA

osé Enrique Costas, Gonzalo Navaza, Antón Palacio e Ana Isabel Boullón, novos académicos.

Os tres primeiros son profesores da Universidade de Vigo e ela é docente da USC.

Os profesores da Universidade de Vigo Xosé Enrique Costas, Gonzalo Navaza e Antón Palacio, así como a docente Ana Isabel Boullón, da Universidade de Santiago de Compostela; ingresaron na Real Academia Galega (RAG).

Os docentes incorpóranse co obxectivo de fortalecer a sección de lingua e traballar en temas como a toponimia, a gramática, a onomástica ou a sociolingüística.

Xosé Henrique Costas, que é vicerrector de Extensión Universitaria, explica que esta é a primeira vez que a Universidade de Vigo entra na RAG e destaca o feito de que "de golpe" o fixeron tres. Así, considera que este logro é motivo de satisfacción pero tamén unha constatación do nivel científico que a institución ten en ámbito humanístico, o cal "non ten nada que lle envexar a outros".

"Somos unha universidade nova pero con moita potencia e aínda teremos máis porque se están a facer ben as cousas dentro da época que atravesamos", estima costas.

Os tres novos académicos procedentes da institución viguesa pertencen ao Departamento de Filoloxía Galega e incorporaranse aos traballos xa programados polas diferentes seccións da RAG. Así, Navaza e Pazo entrarán no Seminario de Onomástica e Costas no de Sociolingüística.

Xosé Enrique Costas --especialista en sociolingüística das linguas europeas minorizadas-- considera un "orgullo, unha honra e unha gran responsabilidade" entrar a formar parte da máxima institución cultural do país". Así, recordou que a RAG é centenaria, sobreviviu ao franquismo e "hoxe se afianza como centro difusor de saber en lingua galega e como institución que defende a lingua contra os ataques que vén sufrindo nos últimos anos".

Pola súa banda, Gonzalo Navaza --experto en toponimia, antrotoponimia e onomástica, ademais da súa carreira como escritor-- tamén mostrou a súa satisfacción, ao tempo que, no que respecta á actividade a desenvolver na Real Academia, avogou por "continuar co dicionario de apelidos galegos".

En canto ao catedrático Antón Palacio --convalecente tras unha recente operación-- é membro da Comisión de Toponimia e membro fundador da Asociación de Tradutores Galegos.

Fonte: http://www.galiciahoxe.com