Oficina CEER
 26-01-2012
A REITORÍA DA UDC ACOLLE MAÑÁ A CELEBRACIÓN DO DÍA DA UNIVERSIDADE

Paraninfo da Reitoría acollerá mañá, venres, 27 de xaneiro, ás 12:00 horas o Día da Universidade que presidirá o reitor, Xosé Luís Armesto.

O acto académico incluirá a entrega dos Premios á excelencia no bacharelato; Premios UDC-Banco Santander á excelencia académica na universidade; entrega de distintivos aos novos doutores e a entrega dos diplomas dos premios extraordinarios de doutoramento.

Os Premios á excelencia no bacharelato están dotados con 769 euros cada un e este ano concédense a 15 alumnos con notas excepcionais matriculados nalgunha das titulacións da Universidade da Coruña. Os Premios UDC-Banco Santander á excelencia académica na universidade recoñecen o esforzo de 39 dos estudantes universitarios coruñeses con 1.410 euros a cada un. A Universidade da Coruña entregará os distintivos que distinguen a 95 novos doutores do curso 2010-2011 e o diploma acreditativo a 20 doutores do curso 2009-2010 que recoñece a súa extraordinaria valía na etapa de doutoramento.

A festividade universitaria concluirá cun pequeno concerto a cargo de Suso Baamonde.
O Día da Universidade non é lectivo, polo que non haberá clases.

Fonte: udc.es