Oficina CEER
 30-01-2012
AS MULLERES, Á CABEZA DA EXCELENCIA ACADÉMICA NA UVIGO

As alumnas copan case o 60% dos premios fin de carreira, grao e doutoramento 2010-2011.

Os galardóns aprobados polo Consello de Goberno serán entregados este venres.

Noelia, Laura, María, Mercedes ou Alba, son xunto con outras 43 mulleres as alumnas máis excelentes da Universidade de Vigo do pasado curso. Todas elas representan case o 60% dos 81 estudantes galardoados cos premios fin de carreira, grao e doutoramento 2010-2011 que hoxe aprobou en sesión extraordinaria o Consello de Goberno e que serán entregados este venres no acto académico da festividade de San Tomé que terá lugar na Escola de Enxeñaría Forestal do campus de Pontevedra.

Dos 47 galardóns extraordinarios de fin de carreira, 32 recaeron en alumnas e 15 en alumnos, mentres que no caso dos premios extraordinarios de grao que se conceden por primeira vez, catro corresponderon a mulleres e tres a varóns. Só no caso dos premios de doutoramento para as teses lidas durante o curso pasado, o número de homes superou ao de mulleres con 15 galardoados fronte a 12 premiadas. Será este venres no transcurso do acto académico da festividade de San Tomé e investidura de José Manuel Silva, director xeral de Agricultura da UE, como Doutor Honoris Causa, cando os galardoados cos premios de excelencia recibirán a insignia de ouro da Universidade.

Licenciados e diplomados extraordinarios.
Dos 47 premios extraordinarios fin de carreira, 15 corresponden ao campus de Ourense, nove ao de Pontevedra e os 23 restantes ao de Vigo. No caso do campus ourensán as titulacións de Enxeñaría Técnica Agrícola e da Diplomatura en Traballo Social quedaron desertas, mentres que por centros foi a Facultade de Ciencias da Educación a que maior número de recoñecementos obtivo con seis. No campus de Pontevedra non houbo premiados na Licenciatura en Belas Artes, Enxeñaría Técnica Forestal especialidade en Industrias Forestais e na Diplomatura en Xestión e Administración Pública. Con cinco premios foi a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte a que máis premios acumulou.

As licenciaturas en Filoloxía Inglesa e Galega, a de Enxeñaría Técnica de Telecomunicación especialidade en Sistema de Comunicación, a Diplomatura en Ciencias Empresariais e a Enxeñaría de Minas no campus de Vigo, non sumaron ningún galardoado, mentres que a Escola de Enxeñaría Industrial con oito premios foi o centro máis galardoado. No caso dos centros adscritos a Escola Universitaria de Enfermaría do Meixoeiro foi a única na que o premio quedou deserto.

O ámbito tecnolóxico, o que máis premios de doutoramento acumula.
Dos 27 premios extraordinarios de doutoramento, o ámbito tecnolóxico con 11 galardóns situouse á cabeza, seguido do científico con oito, o xurídico social con cinco e o humanístico con tres. Ao longo do curso 2010-2011 léronse na Universidade de Vigo 155 teses da que 51 pertencían ao ámbito tecnolóxico, 48 ao xurídico social, 42 ao científico e 14 ao humanístico.

Fonte: duvi.uvigo.es