Oficina CEER
 31-01-2012
A USC IMPULSA A CREACIÓN DE TRES NOVAS EMPRESAS DE BASE TECNOLÓXICA DE ALTO GRAO DE INNOVACIÓN

Un alto grao de innovación e a posibilidade de xerar emprego altamente cualificado a curto e medio prazo son algunhas das características que comparten Biostatech, Cilenis e Aquagene, as tres spin-off cuxa creación acaba de recibir a aprobación do Consello de Goberno da USC. A USC estará representadas en cada unha delas cunha participación no seu accionariado do 10% no caso da primeira e do 5% nas outras dúas.

Os campos que cubrirán no desenvolvemento da súa actividade son os servizos de biostatística, procesamento da linguaxe natural e a enxeñaría lingüística e a xenética aplicada á acuicultura e á conservación de recursos.

Aquagene.
Este proxecto ten a súa orixe na experiencia do grupo ACUIGEN, pertencente ao Departamento de Xenética, na prestación de servizos relativos a xenética evolutiva dos peixes, xestión e conservación de recursos xenéticos, xenómica estrutural e funcional de peixes, mapas xenéticos e mellora xenética de peixes, métodos de xenotipado e xenética en acuicultura.

O grupo Acuigen da Facultade de Veterinaria traballa neste eido dende o ano 1987 estando a súa actividade avalada por un importante número de proxectos públicos e contratos con empresas do sector. O labor do grupo xa deu acceso a unha incipiente carteira de clientes que agora poderá ser incrementada pola empresa. Os principais promotores da USC implicados nesta iniciativa son o profesor Paulino Martínez, o investigador Adrián Millán e as técnicas Mónica África Otero e María Portela.

Biostatech.
O traballo do grupo Interdisciplinar de Estatística, Computación, Medicina e Bioloxía GRID ECMB da USC está na orixe desta nova empresa de base tecnolóxica. A súa creación é consecuencia da crecente demanda de asesoramento bioestatístico e de cursos de formación e perfeccionamento de estatística no ámbito das ciencias da vida.

A principal actividade da empresa consistirá en proporcionar servizo sen Bioestatística no ámbito da formación e dos servizos consultivos altamente especializados para nun futuro incrementar a súa oferta a outras áreas ao abeiro das ciencias sociais e económicas. Concretamente, o proxecto ofrecerá saída aplicada e comercial aos resultados do grupo orixinario en materia de estatística teórica, computacional (técnicas de aceleración computacional e desenvolvemento de software) e investigación en estatística aplicada.

Os principais promotores vinculados á USC son, a modo de socios capitalistas, a profesora Carmen Cadarso e as investigadoras Isabel Martínez e Altea Lorenzo.

Cilenis.
Investigadores do grupo Procesamento da Linguaxe Natural (ProLNat) impulsan Cilenis, unha empresa de base tecnolóxica cuxo principal obxectivo é o desenvolvemento de produtos e solucións baseados nos últimos avances na investigación do procesamento da linguaxe natural e a enxeñaría lingüística.
Este spin-off buscará saída comercial ás liñas de investigación desenvolvidas por ProLNat en particular na extracción de información bilingüe a partir de corpus comparables e de similitudes semánticas en corpus monolingües, o pre-procesamento de textos e a análise sintáctica parcial baseada en dependencias. Nos últimos anos, o grupo realizou traballos baixo a demanda materializados en catro contratos empresa-universidade. Son os principais promotores vinculados á USC os investigadores Pablo Gamallo, Iría del Río e Marcos García.

Recursos relativo ao programa Parga Pondal
O Consello de Goberno aceptou ademais os recursos de reposición presentados polos distintos órganos de representación do PDI laboral e funcionario e por trece investigadores contra o acordo adoptado por este mesmo órgano a finais do pasado ano sobre o remate de contrato de investigadores dos programas Isidro Parga Pondal e Ramón y Cajal.

Esta decisión deixo en suspenso, como se solicitaba nos recursos, o acordo do Consello de 29 de novembro polo que a USC se comprometía a crear sete prazas para estes investigadores (unha por área de coñecemento e outras dúas para contratados Ramón y Cajal con programas Starting Grant) así como outras tantas en áreas deficitarias e o correspondente proceso de avaliación dos currículos de investigadores. Á convocatoria de avaliación presentáronse neste mes de xaneiro un total de sete solicitudes.

Fonte: xornal.usc.es