Oficina CEER
 19-08-2007
As escolas oficiais de idiomas de Galicia abren o segundo prazo de matrícula para o curso 2007-2008 o vindeiro 1 de setembro

O segundo prazo de acceso e matrícula para as Escolas Oficiais de Idiomas (EOI) de Galicia realizarase do 1 ao 14 de setembro, segundo establece a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Poderanse matricular neste prazo os aptos oficiais presenciais en xuño que non se teñan matriculado no primeiro prazo; así coma o alumnado procedente do plan de potenciación de idiomas en Institutos de Ensinanza Secundaria (IES) e do programa That’s English! que teñan superado o ciclo en xuño.

Por outra banda, o alumnado con coñecementos previos do idioma poderá incorporarse ao segundo curso do nivel básico ou ao primeiro curso do nivel intermedio mediante probas de clasificación, que terán lugar os días 14 e 17 de setembro. O período de matriculación para ditas probas será do 1 ao 8 de setembro.

Ademais, os aptos e non aptos oficiais de setembro terán de prazo do 10 ao 18 de setembro. O alumnado procedente da proba de clasificación e da modalidade de ensino libre poderán matricularse do 17 ao 21 dese mesmo mes. Tamén deberán axustarse a este prazo os antigos alumnos, aqueles que trasladen matrícula, os estudantes de acceso directo, e o alumnado con renuncia de matrícula no curso 2006-2007. Por último, establécese un último prazo do 24 ao 28 de setembro para o novo alumnado.

As EOI poderán así mesmo establecer prazos de preinscrición para o acceso ao primeiro curso do nivel básico nos idiomas cunha elevada demanda, que se realizarán do 1 ao 14 de setembro.

Ademais, como novidade, en cumprimento do establecido na Lei Orgánica de Educación (LOE) para as ensinanzas de idiomas de réxime especial, no ano académico 2007-2008 implantaranse os niveis básicos 1 e 2, e o nivel intermedio 1. Pola súa banda, o nivel intermedio 2 e o nivel avanzado entrarán en vigor no curso 2008-2009.

Outra das novidades é que o título de bacharelato dará acceso ao primeiro curso do nivel intermedio da primeira lingua estranxeira cursada. Ademais, establécese como requisito que o alumnado que acceda a estas ensinanzas teña cumpridos 16 anos no ano natural en que se comecen tales estudos. Tamén poderán acceder os estudantes con 14 anos cumpridos que desexen matricularse nun idioma distinto do que estea a cursar na educación secundaria obrigatoria.