Oficina CEER
 26-08-2007
A USC fixo pública a Memoria de Responsabilidade Social correspondente a 2005

A USC vén de facer pública a Memoria de Responsabilidade Social correspondente ao ano 2005, sendo a terceira elaborada pola institución académica compostelá, única universidade española e das primeiras de Europa que elabora un documento deste tipo segundo a metodoloxía Global Reporting Initiative, principal referente internacional na elaboración de Memorias de Sostibilidade.

A través deste documento de balance de 2005, ano que coincide co último do mandato do equipo de goberno universitario que iniciou este modelo de rendemento de contas, a institución docente compostelá pretende mostrarlle á sociedade o cumprimento da súa misión definida no Plan Estratéxico baixo o lema ‘Coñecemento ao Servizo da Sociedade’. Coa publicación desta terceira memoria e en opinión do reitor compostelán, a USC “afianza o seu compromiso e a súa vontade de ser unha universidade socialmente responsable”.

O perfil da USC

No curso 2004-2005 eran 31.962 os estudantes matriculados en 1º e 2º ciclo, cunha oferta de 69 titulacións, 159 cursos de posgrao e 67 programas de doutoramento -24 deles con Mención de Calidade. A decembro de 2005 a USC contaba con 2.151 profesores dedicados a docencia e investigación (PDI) e 1.162 Traballadores de Administración e Servizos (PAS). Nese mesmo ano dispúxose dun orzamento de 248,9 millóns de euros, dos que preto do 34 por cento proceden de actividades de captación froito da súa iniciativa.

No que respecta a investigación, en 2005 a USC seguía a ser o principal recurso científico e tecnolóxico de Galicia, captando un total de 35,6 millóns de euros para o financiamento de actividades investigadoras, o que a situaba como a sexta Universidade de España en contratación de I+D. Nese ano defendéronse 203 teses, asináronse 479 contratos, convenios ou servizos con empresas e institucións e obtivéronse 573 proxectos de investigación.

Ademais, en 2005 a USC consolidou a súa posición de referente entre as universidades españolas no eido das TIC, completando a cobertura da súa rede sen fíos, a primeira de Galicia e unha das primeiras de España atendendo ao número de usuarios rexistrados, o que lle valeu o Premio á Tecnoloxía da Información na modalidade de Institucións na comunidade galega.

Presenza da muller na USC

Por primeira vez a Memoria inclúe datos relativos á presenza da muller na USC, que no curso 2004-05 colocan a esta institución como a segunda Universidade do estado en porcentaxe de mulleres matriculadas, cun 64,8%, só superado nunha décima pola Universidade de Barcelona, cifra que se eleva a algo máis do 67% entre as tituladas.

Xa no cadro de persoal as maiorías invértense, xa que en 2005 só o 37% do PDI está formado por mulleres, situación que mellora no PAS cun 56,2%.

Docencia e oferta académica

A mellora da calidade docente constitúe un obxectivo prioritario da USC, o que levou a pór en marcha en 2005 plans estratéxicos dos departamentos universitarios. Así, dos 76 existentes un total de 70 entregaron os mencionados documentos nos que consta a implicación dos profesores universitarios na mellora da docencia, con prazos e compromisos na coordinación de materias, na preparación de materias didácticos, no campus Virtual, na análise periódica dos resultados da docencia así como no proceso de harmonización do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES).

Tamén nesta liña de mellora, a Memoria destaca o primeiro Programa de Formación e Innovación Docente no que, enmarcado no Plan de Calidade da USC, participaron máis de 1.900 docentes. Na medición da calidade constatouse un estudantado altamente satisfeito non só coa docencia recibida senón tamén co funcionamento dos cursos e co traballo do profesor na aula.

Medio ambiente

En 2005 a USC participou no Grupo de Calidade Ambiental e Desenvolvemento Sostible da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas que aprobou as ‘Directrices de Sostibilización Curricular dos Estudos Universitarios’. Tamén se crea nese ano a Aula de Enerxías Renovables.

Neste contexto, a xestión de residuos permitiu unha diminución do 3,5 % na xeración de refugallos perigosos ao que se suma a redución dos consumos de gas, electricidade e auga propiciados polo desenvolvemento do Plan de Optimización Enerxética da USC.

Uninvest

No eido do emprendemento universitario a USC marcou en 2005 un fito importante coa constitución da Sociedade de Capital Risco Uninvest, a estrutura financeira máis importante de Europa creada por Universidades. Esta sociedade xestionou un fondo inicial de 18,5 millóns de euros orientado ao investimento en empresas de base científica e tecnolóxica e centrándose en cinco sectores socioeconómicos estratéxicos como son o das ciencias da vida, o ambiente, novos materiais, TIC e biotecnoloxía.