Oficina CEER
 02-03-2012
A UDC COORGANIZA O CAMPIONATO DE ESPAÑA DE CAMPO A TRAVÉS

O vindeiro día 11 de marzo terá lugar nas inmediacións da Torre de Hércules o Campionato de España de campo a través escolar e universitario no que competirán uns mil escolares de 19 comunidades autónomas e 400 universitarios de 55 universidades españolas, incluída a Universidade da Coruña, entidade anfitrioa e coorganizadora do evento xunto co Consello Superior de Deportes e a Xunta de Galicia.

Esta mañá tivo lugar no Concello da Coruña, que colabora nesta actividade, a presentación pública do evento coa presenza do reitor, Xosé Luís Armesto, o alcalde, Carlos Negreira, o secretario Xeral de Deporte, José Ramón Lete, e a representante do Consello Superior de Deportes, Susana Pérez. O reitor destacou a traxectoria deportiva da Universidade da Coruña, en que máis de 4.500 estudantes participaron nalgunha actividade deportiva o ano pasado. “A Universidade da Coruña ten éxito en moitas competicións que non é froito da casualidade, senón do traballo de base e das competicións internas e tamén do feito de ter unha Facultade de Ciencias do Deporte e da Educación Física”, comentou Armesto, quen engadiu que o feito de que colaboren varias entidades tan diversas na organización deste evento “é un exemplo de boas prácticas”. O reitor valorou esta iniciativa deportiva como “parte da formación integral das persoas que ten que ofrecer a universidade”.

Pola súa parte, o alcalde Carlos Negreira, enmarcou este campionato dentro dun completo abano de actividades deportivas que acollerá a cidade da Coruña nos vindeiros meses e salientou as funcións que cumpren. Ademais de ser un evento deportivo, cumpre cunha función integradora, xa que competirán tamén persoas con discapacidade intelectual, e cunha dinamizadora, pois traerá á cidade a 1.400 persoas, máis os acompañantes no caso dos escolares. “A Universidade da Coruña é parte fundamental da cidade para ter mellor calidade de vida”, concluíu Negreira. O ambiente deportivo que se vivirá na Coruña a fin de semana do 11 de marzo, foi un dos aspectos que destacou tamén Susana Pérez, do CSD, mentres que o secretario Xeral de Deporte, cualificou este evento como unha “xoia deportiva de primeiro nivel”.

Fonte: udc.es