Oficina CEER
 06-03-2012
O BO USO DAS TICs MARCA O ÉXITO NA ESTRATEXIA DE INTERNACIONALIZACIÓN DAS UNIVERSIDADES

50 expertos de 13 países viven no campus unha intensa semana internacional.

O encontro conta coa participación do presidente de Eutelsat, Giuliano Berretta.

Lideran a mobilidade internacional en cada unha das súas universidades e esta semana poñen en común as súas mellores estratexias. 50 expertos chegados de trece países da Unión Europea participan no campus na International Administrative and Teaching Staff Training Week un foro no que as persoas que están a liderar o proceso de internacionalización das universidades poñen en común as estratexias que mellor funcionan.

“Trátase de discutir xuntos temas de actualidade para conseguir mellorar e buscar novos camiños de cooperación internacional”, subliñou na inauguración o reitor vigués, Salustiano Mato, quen admitiu que “este tipo de encontro son unha das cousas que máis nos gustan”. Xunto a el o vicerreitor de Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias, e a vicexerente de Internacionalización, Regina Carreira, remarcaron a importancia dunha semana internacional que se estenderá ata o vindeiro venres e que conta coa participación destacados persoeiros, entre eles Giuliano Berreta, presidente da Xunta Directiva de Eutelsat Communications, o maior operador de satélites de Europa e o terceiro máis importante do mundo e Bruno Salgues, representante do Institut National des Telecommunications (France).

TICs si pero “non a calquera prezo”.
Coas TICs como eixe central do encontro, o reitor vigués subliñou o feito de que nos últimos anos todas as universidades, dunha forma ou doutra, teñen investido en TICs, contribuíndo así ao progreso social e económico. “O futuro de Europa depende da innovación e as universidades teñen que desempeñar un papel activo neste mundo globalizado”, recalcou Mato. Con esta idea como fío argumental tivo lugar o primeiro dos relatorios, impartido polo vicerreitor de Relacións Internacionais, quen remarcou a importancia destas tecnoloxías “pero non a calquera prezo”, subliñou, en referencia a que, a tecnoloxía por si soa non funciona. “O bo uso das tecnoloxías da información e as comunicacións poden facerte moito máis visible internacionalmente pero para conseguir isto sempre tes que ter en conta ás persoas as que vai dirixida”, subliñou o vicerreitor, ao tempo que recalcou que “estas tecnoloxías teñen tamén moitos riscos se non se fai un bo uso delas”.

“Todos compartindo un interese común”
Con participantes de Austria, Finlandia, Francia, Alemaña, Hungría, Islandia, Italia, Noruega, Polonia, Portugal, Romanía, Holanda e España, “todos compartindo un interese común, o importante é que falemos entre nós para pór en común as estratexias que mellor están a funcionar”, apuntou Fernández Iglesias. Neste senso tamén se pronunciaba Doris Kollman, directora da Oficina de Relacións Internacionais da University of Applied Sciences de Saarbrüken, “unha universidade moi pequena, a medio camiño entre Luxemburgo e Francia, con apenas 5000 estudantes divididos entre catro facultades”. A súa relación coa Universidade de Vigo remóntanse ao 2003 cando se iniciou o intercambio de estudantes, aos que logo se uniron tamén o profesorado e o persoal de administración e servizos, “canto máis estreita é a relación máis xente participa nos intercambios”, destacou resaltando a importancia deste tipo de encontros de “posta en común”. Ao seu carón o seu homólogo na holandesa Saxión University of Applied Sciences, remarcou a importancia destas “semanas europeas nas que cada vez somos máis os que estamos a participar”. Como característica distintiva do encontro que esta semana os reúne en Vigo destacaron “a unión do mundo académico co administrativo”, unha mestura “moi enriquecedora que non acostuma a ser habitual”.

Tras a xornada de apertura deste luns o encontro continuará mañá martes cun panel de traballo que se centrará na importancia das redes sociais no camiño da internacionalización das universidades. Será neste panel no que interveñan Giuliano Berretta e Bruno Salgues, entre outros poñentes, entre eles a profesora da Universidade de Vigo Maribel del Pozo que, xunto a Anabel Borja da Jaume I de Castellón, falará sobre a importancia de contar cunha boa rede de traballo para crear unha plataforma plurilingüe de tradutores e intérpretes xurados.

O mércores os participantes poranse ao día no papel da televisión e os medios audiovisuais no ámbito da educación e da promoción das universidades; o xoves, nas estratexias de comunicación nun mundo conectado e, xa o venres, nas dobres titulacións.

Fonte: duvi.uvigo.es