Oficina CEER
 07-03-2012
BABILONIA, A NOVA YORK DA HISTORIA ANTIGA

O profesor Montero Fenollós presenta hoxe en Ferrol a súa obra “Babilonia”, na que reivindica o papel desta cidade como a Nova York da historia antiga.

O profesor e investigador da Universidade da Coruña Juan Luis Montero Fenollós presentará hoxe mércores, 7 de marzo, ás 19.30 horas na Galería Sargadelos de Ferrol a súa obra “Babilonia”, que edita Nowtilus, e na que o autor reivindica a importancia política e cultural de Babilonia na historia, unha cidade á que se podería definir como a Nova York do mundo antigo polo seu carácter cosmopolita. Juan Luis Montero Fenollós (Lorca, 1968) é doutor en Historia pola Universidade de Barcelona, foi investigador do Instituto do Próximo Oriente Antigo da mesma universidade e na actualidade é profesor de Historia Antiga na Facultade de Humanidades da Universidade da Coruña, da que tamén é vicedecano.

Desde 2005 dirixe o Proxecto Arqueolóxico Medio Éufrates Sirio en colaboración coa Dirección Xeral de Antigüidades e Museos de Damasco, unha iniciativa que ten como obxectivo o estudo das civilizacións preclásicas na rexión sirio-mesopotámica. É membro da Misión Arqueolóxica Francesa en Mari (Siria), en cuxas escavacións participou entre 1998 e 2003.

No ano 2004 recibiu o premio Concepción Arenal de investigación en Humanidades polo proxecto Tras las huellas de la Torre de Babel, no que se plantexa a primeira hipótese española de reconstrución deste célebre monumento. En 2009 foi nomeado Cabaleiro da Orde das Palmas Académicas, máxima condecoración que concede o Ministerio de Educación de Francia.

É autor de numerosos artigos sobre arqueoloxía sirio-mesopotámica publicados en diversas revistas científicas, así como de varias monografías entre as que destacan La metalurgia en el Próximo Oriente Antiguo, III y II milenios a. C. (Ausa, 1998) e Arqueología, Historia y Biblia. De la Torre de Babel al templo de Jerusalén (SCVI, 2009). En 2010 publicou Torre de Babel. Historia y mito.

Con respecto á obra Babilonia, o autor lembra que foi unha gran cidade da historia de Mesopotamia, aínda que a súa historia non é moi coñecida entre o gran público. Coa intención de encher esa lagoa nace a presente obra, na que se analizarán as aportacións dos seus principais monarcas, en particular de Hammurabi (1792-1750 a. C.) e o seu célebre código de leis (hoxe conservado no Museo do Louvre) e de Nabucodonosor II (605-562 a. C.), rei que levará a Babilonia á súa máxima expansión territorial. Este feito traducirase na posta en marcha dun programa de embelecemento da cidade acorde coa súa relevancia política, cultural e relixiosa. Será entón cando se conclúa a construción da célebre torre de Babel, o templo alto de Marduk (o deus nacional dos babilonios). O final da Babilonia mesopotámica chegará en 539 a.C. da man doutro gran imperio, o que estaban construíndo os persas aqueménidas. Dous séculos máis tarde, en 331 a. C., Alejandro Magno soñaría con convertela na capital do seu gran imperio.

Fonte: udc.es