Oficina CEER
 09-03-2012
PRESÉNTASE NÓSOMOSÒN, PRÓXIMA EXPOSICIÓN DE NORMAL

Preséntase mañá Nósomosòn, a próxima exposición do espazo cultural da Universidade, Normal.

A Coruña, 7 de marzo de 2012.- A vicerreitora de Estudantes, Deportes e Cultura, María José Martínez, e Luís Caparrós, presentarán mañá, xoves, 8 de marzo, ás 11:00 horas, en rolda de prensa a próxima exposición de Normal, o espazo de intervención cultural da Universidade da Coruña e que leva como título Nósomosòn.

A presentación terá lugar na propia sala de exposicións no campus de Riazor coincidindo co inicio da montaxe das instalacións que se abrirá ao público o vindeiro día 12, polo que parte dos artistas que alí amosarán as súas pezas estarán en pleno proceso de intervención.

Nósomosòn é unha innovadora mostra que se podería enmarcar dentro da arte sonora ou escultura con son. Os artistas que participan neste proxecto son Berio Molina, Chiu Longina, Igmig, Isaac Cordal, Luis Costa, Manuela Barile, MDME, Aquófono e Servando Barreiro.

Máis información: www.istoenormal.org