Oficina CEER
 13-03-2012
O PROGRAMA ‘OCIOTECA LUCUSC’ PRESENTA EN LUGO A SÚA OFERTA SOCIEDUCATIVA E DE LECER PARA A SEMANA SANTA

As actividades van dirixidas a nenos e nenas de 3 a 12 anos e inclúen obradoiros, dinámicas musicais e xogos de presentación, predeportivos ou de cooperación.

O Programa ‘Ocioteca LucUSC’, organizado pola Fundación USC Deportiva en colaboración co Concello de Lugo, presentou a súa proposta socioeducativa e de lecer para os días laborables e non lectivos da vindeira Semana Santa.

O programa desenvolverase os días 2, 3, 4 e 9 de abril, en horario de 9.00 a 14.00 ou de 9.00 a 15.00 horas. As actividades, que se levarán a cabo no edificio da Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo, están dirixidas a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos, e inclúen, entre outras, obradoiros, dinámicas musicais e xogos de presentación, predeportivos e de cooperación. A inscrición pode facerse para os catro días, cun custo de entre 70 e 84 euros, ou en días soltos, cun prezo de 17 a 21 euros por xornada, segundo o horario elixido.

Coa creación desta actividade búscase que as familias poidan conciliar a vida familiar coa laboral durante as vacacións de Semana Santa. “Desde a Fundación USC Deportiva tratamos de promover servizos adicionais que respondan á nova realidade social, como a necesidade de harmonizar a actividade profesional coa atención aos nenos e nenas”, explican os seus responsables.

As inscricións, ata un máximo de 24 participantes, poden realizarse de maneira presencial (na sede da Fundación USC Deportiva en Santiago de Compostela), por correo ordinario ou a través de internet (http://www.fundacionuscdeportiva.org). O prazo estará aberto ata o xoves 29 de marzo ou ata que se cubran as prazas ofertadas, que se asignarán por rigorosa orde de chegada das solicitudes.

No acto interviñeron o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón, e a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Xuventude do Concello de Lugo, Carmen Basadre, así como o xerente da Fundación USC Deportiva, Óscar Hermida, quen destacou “a importancia que ten para nós dar a coñecer a actividade da Fundación tamén no campus e na cidade de Lugo, a través de iniciativas coma esta dirixidas á cidadanía en xeral, non só á comunidade universitaria”.

Ademais da Fundación USC Deportiva e o Concello de Lugo, desde a institución universitaria colaboran tamén na organización deste programa de actividades as Vicerreitorías de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo e a de Estudantes, Cultura e Formación Continua, así como o Servizo de Deportes da USC.

Fonte: xornal.usc.es