Oficina CEER
 14-03-2012
A UDC COLABORARÁ COA COMISIÓN NACIONAL DA COMPETENCIA

A Coruña, 12 de marzo de 2012.- O reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto, asinou esta mañá un convenio marco de colaboración co presidente da Comisión Nacional da Competencia, Joaquín García Bernaldo de Quirós. No acto de sinatura estaban presentes tamén os decanos das facultades de Dereito, Eloy Gayán, e de Economía e Empresa, Anxo Calvo, así como o director do departamento de Dereito Público Especial, Jaime Rodríguez-Arana, ademais de outros representantes académicos e da CNC.

O acordo, que se concretará en posteriores convenios, permitirá que alumnos da Universidade da Coruña poidan realizar prácticas académicas externas e prácticas profesionais, así como proxectos de finalización de estudos de grao e de posgrao en temas que atinxan a ambas as dúas institucións. Ademais, o convenio está aberto a outro tipo de colaboracións referentes a estudos e investigacións en relación co desenvolvemento da libre competencia en distintos mercados e sectores económicos.

O presidente da Comisión Nacional da Competencia valorou especialmente o acordo acadado e manifestou que “a universidade é básica nestes momentos de mellora da sociedade e ten que empuxar sen perder o espírito crítico”. Pola súa parte, o reitor asegurou compartir esta idea e declarou que “a Universidade da Coruña está na liña de colaborar con empresas e entidades para abrirse á sociedade e cumprir cos seus obxectivos”.

A Comisión Nacional da Competencia é o organismo público encargado de preservar, garantir e promover a existencia dunha competencia efectiva nos mercados no ámbito español. Fonte: udc.es