Oficina CEER
 15-03-2012
O FUTURO DO XORNALISMO IMPRESO PASA POLA ESPECIALIZACIÓN DE CONTIDOS

Segundo o catedrático Josep Mª Casasús que imparte clase no Máster de Investigación en Comunicación.

O profesional do século XXI debe demostrar os beneficios de ler unha noticia contrastada.

Chegou a fin dos medios de comunicación dirixidos a un público masivo. Aínda que non lle gusta facer predicións, a experiencia profesional do xornalista e catedrático Josep María Casasús permítelle afirmar que a prensa tanto escrita como dixital sobrevivirán se abandonan a súa visión xeralista e optan por unha especialización nos seus contidos. “O modelo actual baseado en grandes tiradas e con moitas páxinas cheas de publicidade está condenado a desaparecer”, explica o profesor Casasús que esta semana se atopa no campus pontevedrés impartindo docencia ao alumnado do Máster en Investigación en Comunicación.

Ante a “eterna” pregunta de se a prensa escrita está condenada a desaparecer pola paulatina penetración dos medios dixitais, o catedrático de Xornalismo da Universitat Pompeu Fabra amósase convencido de que, do mesmo xeito que sobreviviu á irrupción doutros medios como a radio e a televisión, tamén “convivirá coa oferta online”. Non obstante, o profesor destaca que o medio impreso resistirá o peso da competencia e do mercado se reorienta a súa estratexia cara unha segmentación da audiencia co deseño de contidos para un público específico. “A saturación de información actual deixa como única saída ofrecer un diario que conteña información de calidade e especializada nun tema, que non aspire a grandes datos de difusión e que interese a un perfil de lector que estea disposto a pagar por este servizo”, describe Casasús. Deste xeito, a prensa diaria deixaría de depender dos ingresos publicitarios “e podería abandonar a competencia polas grandes audiencias que nestes momentos xa non teñen sentido”. En definitiva, “trátase de copiar o modelo implantado no medio revistas”, aclara o catedrático, sector no que houbo un incremento do número de publicacións a pesar da crise “e que se manteñen grazas á segmentación”.

Aínda que só conta con 20 anos de vida, a prensa online “tamén necesita unha reorientación agora que está na adolescencia”, advirte Casasús xa que considera que “copia” os modelos xornalísticos tradicionais, “polo que necesita emanciparse e construír a súa propia cultura de xéneros e de fórmulas expresivas”. Igual que sucede na escrita, o experto sinala que o xornalismo dixital tamén deberá especializarse “pois atopará as mesmas dificultades para manterse dende o punto de vista económico”. Para Casasús o futuro máis inmediato estará formado por grandes grupos de comunicación “que teñan moitas cabeceiras en distintos medios pero de pouca difusión con contidos contrastados e de calidade”, apunta.

O xornalista do século XXI.
A proliferación das novas tecnoloxías provocou que calquera cidadán poida converterse nun “xornalista improvisado que conta a través do seu twitter un determinado acontecemento a tempo real”. Ante este novo panorama informativo, o profesional que traballa para un xornal debe ser quen de demostrar ao público a importancia de ler unha noticia veraz, froito de contrastar diversas fontes de información. “Os medios convencionais deben ser quen de convencer ás audiencias do valor dunha comunicación responsable resultado dun traballo duro de selección, reordenación e sintetización”, declara o experto. Por outra banda, o xornalista do século XXI tamén debe coñecer e dominar as ferramentas do mundo dixital á súa disposición “pero sempre cun uso ético e social”, engade.

Fonte: http://duvi.uvigo.es