Oficina CEER
 15-03-2012
UNIVERSIDADE E HOSPITAIS OURENSÁNS UNEN FORZAS PARA AVANZAR EN INVESTIGACIÓN BIOMÉDICA

180 profesionais dos dous ámbitos déronse cita este mércores nunha xornada de traballo conxunto.

Varios grupos da Facultade de Ciencias e da Escola Superior de Enxeñería Informática teñen proxectos co CHUO.

Para o avance científico é imprescindible a cooperación, sobre todo en tempos de crise económica. Con esta idea de fondo, 180 profesionais do eido da investigación da Universidade de Vigo e dos hospitais da provincia de Ourense veñen de reunirse na I Xornada de Investigación Biomédica. O obxectivo desta iniciativa é unir forzas entre as dúas institucións para avanzar na investigación neste eido co fin último de ofrecer á sociedade un mellor servizo que redunde na súa saúde e no seu benestar. De momento son xa catro os proxectos conxuntos do campus de Ourense co Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.

A xornada reuniu a un nutrido grupo de investigadores do campus de Ourense, concretamente das súa Facultades de Ciencias, da Escola Superior de Enxeñaría Informática e do Centro de Investigación, Tranferencia e Innovación CITI. Sobre a súa relevancia, Eloína Núñez, xerente de Xestión Integrada de Ourense, Verín e o Barco, salientou que o obxectivo desta iniciativa é “pór en contacto toda a forza investigadora desta provincia pois o traballo coordinado é a única liña de traballo posible para dar unha asistencia de calidade". Neste senso, Ovidio Fernández, director científico da Fundación Cabaleiro Goiás, destacou que na actualidade xa hai catro proxectos de investigación conxunta entre a Universidade de Vigo e o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. Unha colaboración que os participantes da xornada agardan incrementar cuantitativamente e ampliar aos demais hospitais da provincia de Ourense.

Con este obxectivo en mente, ao longo da xornada investigadores do Grupo Bioscope da Facultade de Ciencias, encabezados por José Luis Capelo e Carlos Lodeiro, e do Grupo de Sistemas Informáticos de Nova Xeración da Escola Superior de Enxeñaría Informática, liderados por Florentino Fernández, foron expondo os seus resultados nas súas liñas de traballo co CHUO e a Fundación Cabaleiro Goiás. O Grupo Bioscope presentou os avances nos proxectos conxuntos de estudo integral da glomerulonefritis e de Tubercontrol, o Observatorio Transfronteirizo Galaico-Portugués para o control da Tuberculose. Tamén explicaron o máis recentemente concedido proxecto coa Fundación Mapfre e liderado por Jacobo Formigo desde o CHUO sobre a busca de biomarcadores en sangue en enfermidades como a artrose. Pola súa banda, os investigadores do Grupo de Sistemas Informáticos de Nova Xeración expuxeron os seus avances co Complexo Hospitalario na creación dun sistema intelixente capaz de identificar inicialmente posibles casos de infección nosocomial.

Colaboración con futuro.
Alén da presentación do estado destes proxectos e dos avances acadados, diferentes investigadores da Universidade de Vigo explicaron o seu traballo en aspectos que poden ser de interese abrir á colaboración hospitalaria. Concretamente na xornada participaron, alén dos responsables dos equipos, os investigadores Hugo Santos, Rubén López, Beatriz Guyón, Hugo López e Daniel González. Tamén interviu Xosé Antón Vila Sobrino, director do CITI, que foi o encargo de explicar aos asistentes os recursos que teñen á súa disposición no seu centro de utilidade en biomedicina.

“Para nós estas xornadas son especialmente satisfactorias porque amosan a valía que ten a investigación para a sociedade, permiten amosar como o coñecemento que se xera nos laboratorios é logo aplicado nos hospitais en beneficios dalgo tan importante como é a saúde das persoas en enfermidades coma o cancro ou a tuberculose”, explicou Carlos Lodeiro. Os investigadores do campus de Ourense tamén salientaron a relevancia de conseguir que se celebre por primeira esta Xornada de Investigación Biomédica en Ourense, seguindo a liña das xornadas que se realizan entre o campus de Vigo e o complexo hospitalario desa cidade.

Fonte: http://duvi.uvigo.es