Oficina CEER
 16-03-2012
MARÍA PILAR JIMÉNEZ ALEIXANDRE, AUTORA DO ARTIGO ESPAÑOL MÁIS CITADO NAS REVISTAS DO SSCI DE INVESTIGACIÓN EDUCATIVA NA ÚLTIMA DÉCADAS

A profesora da Universidade de Santiago de Compostela María Pilar Jiménez Aleixandre é a autora do artigo español de investigación educativa máis citado dos publicados nas revistas do Social Sciences Citation Index (SSCI) na década 1998-2009.

O ranking, que se pode consultar no número 250 de Revista Española de Pedagogía, elaborouno o profesor Antonio Fernández-Cano que ademais de estudar a publicación dos traballos dá conta das citas recibidas nas 2.474 principais revistas de ciencias sociais do mundo que analiza este índice internacional.

Segundo o investigador da Universidade de Granada, nos dez anos estudados publicáronse 1.067 artigos españois, dos que o 71% procede das 15 universidades máis produtivas, entre as que figura a USC na 13 posición, con 30 artigos. Do total deses 1.067 só 74 teñen dez ou máis citas; en concreto, o da profesora Aleixandre ten 89.

O artigo "Doing the lesson" or "doing science": Argument in high school genetics. Science Education’ é un dos primeiros dunha liña emerxente a principios de 2000 sobre argumentación e uso de probas, liña de investigación da profesora Jiménez Aleixandre que é catedrática de Didáctica das Ciencias Experimentais na Facultade de Ciencias da Educación da USC. No artigo citado tamén participaron a profesora da Universidade da Coruña Ánxela Bugallo e Richard Duschl, da Penn State (EEUU).

Fonte: xornal.usc.es