Oficina CEER
 16-03-2012
EN TODAS AS MANS, PRIMEIRO DOCUMENTAL GALEGO MEDIANTE CROWDFUNDING

A cooperativa Trespés prepara un documental centrado no mancomún.

No país do minifundismo permanece unha realidade que é de todos, e ao tempo de ninguén. Así é o mundo dos montes en mancomún. A cooperativa Trespés Soc. Coop. Galega prepara un documental, baixo o título “En todas as mans” (sítio web: www.entodasasmans.com) centrado nesta figura dos montes galegos, que dirixirá a cineasta Diana Toucedo (breve cv no dossier anexo).

Nestes momentos o proxecto está en fase de pre-produción. O proxecto asenta nunha estratexia de traballo a través de espazos colaborativos e novas ferramentas no ámbito da comunicación. Entre estes elementos novedosos destaca o financiamento. No contexto actual de crise optamos por desenvolver unha estratexia de financiamento diversificada e novidosa. Así, parte do proxecto pretendemos que se financie mediante o sistema do crowdfunding. Un sistema que se basea en micro-achegas económicas por parte de persoas ou entidades. Este é o primeiro documental galego que utiliza o crowdfunding como unha das liñas de financiamento. A súa máxima podería ser “moita xente achegando algo, para facermos moito”.

A gravación do documental está prevista que se realice durante a primavera e o verán de 2012.

O proxecto xa recabou o apoio de numerosas organizacións de montes, entre as que se atopa a Organización Galega de Comunidades de Montes. Tamén recibiu o apoio de cineastas como Llorenç Soler, documentalista que durante o final dos anos setenta gravou “O monte é noso, Isaki Lacuesta, gañador da Concha de Ouro no Festival de Donostia, ou a cineasta Ana Laura Pereira, directora de “Éramos invisibles” entre outros.

Trinta anos despois de que os seus lexítimos titulares, a veciñanza dos lugares, comezaran a recuperar a xestión dos montes en mancomún, consideramos que é tempo de realizar unha achega á situación actual deste réxime de titularidade. Entre outros obxectivos, este documental pretende mostrar o mundo do mancomún, unha realidade próxima, escasamente coñecida e pouco valorada pola sociedade galega. Ao tempo, queremos sinalar as potencialidades que ten como ferramenta válida para a xestión e custodia do territorio próximo. Pretendemos sinalar a titularidade en mancomún como un elemento que fai parte do patrimonio cultural galego. Desde Trespés queremos que este proxecto sirva como recoñecemento para as persoas que conforman as comunidades de montes. Desexamos estimular a súa participación e o orgullo por poder participar dun xeito de xestión do territorio propia, ao tempo que esa apreciación se expande ao conxunto da cidadanía galega. E pretendémolo facer construíndo un relato tecido coas voces das xentes das propias comunidades de montes, xunto coa participación de persoas do ámbito académico. Construiremos, así, unha ollada diversa, unha reflexión colectiva sobre o monte en mancomún e o seu futuro.

Para mais información: info@entodasasmans.com

tfne contacto: 986110045/ 693633550 (Alberte)

Para seguir o proxecto: www.facebook.com/entodasasmans

Sitio web da cooperativa: www.trespes.com