Oficina CEER
 20-03-2012
UNHA INVESTIGACIÓN PERFECCIONA UN SISTEMA DO MIT PARA A COMUNICACIÓN INTELIXENTE DOS VEHÍCULOS NAS ESTRADAS

O traballo foi premiado nas Vegas, na convención de produtos electrónicos máis importante do mundo.

Non precisa empregar as redes de telefonía, polo que sería gratuíto.

Atascos, accidentes ou inclemencias meteorolóxicas son algúns dos imprevistos que se poden atopar os condutores nas estradas. Pero as necesidades de comunicación na actualidade van máis aló das urxencias, os modos de vida demandan unha constante información e conexión co mundo. Neste eido avanza a tese de doutoramento de Jack Fernando Bravo, premiada na International Conference on Consumer Electronics, o congreso de electrónica de consumo máis importante do mundo, celebrado nas Vegas. O seu traballo propón unha serie de melloras para as comunicación en redes vehiculares, aquelas formadas por automóbiles que se desprazan polas rúas e estradas.

Debido ás variabilidades das condicións do tráfico e á mobilidade dos nodos, estas comunicacións estaban limitadas á transmisión de avisos de seguridade duns vehículos a outros, para avisar por exemplo de accidentes. Pero a tese de Jack Fernando Bravo presenta o deseño e validación de solucións para comunicacións máis complexas, que se inspiran nun concepto innovador saído do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts, MIT. Dependendo das condicións do tráfico, este sistema permitiría chamadas e mensaxes entre usuarios na rede; a diseminación de información de tráfico en tempo real; a transmisión de información de diagnose dos vehículos ou o acceso a Internet a través de puntos de acceso públicos.

Sobre a concesión do premio, Bravo explica que é “un recoñecemento ao traballo desenvolto nestes anos de formación e sobre todo á excelencia na calidade dos docentes que ten a Universidade de Vigo” entre os que se atopan os seus directores de tese, Martín López e Yolanda Blanco, do grupo de investigación Servizos para a Sociedade da Información. Segundo o investigador, o galardón anima a continuar o estudo das redes vehiculares e achegalas á maior cantidade de persoas posible pero subliña que “foi unha sorpresa e unha grande alegría que o noso traballo sexa recoñecido nun evento desta magnitude”.

Utilidades do sistema.
A principal vantaxe con respecto ás redes de telefonía e satélite é que é de balde, xa que a conexión realízase directamente entre vehículos e non precisa dunha infraestrutura fixa. Segundo explica o co-director da tese, Martín López, "nas primeiras probas comprobamos que grazas a circuitos virtualizados o sistema pode soportar conexións de certa calidade a intenet e conversacións telefónicas entre vehículos a pé de estrada sen necesidade de recorrer ás redes de telefonía, é dicir, de xeito gratuíto". Aínda que son resultados preliminares, López cualifícaos de "prometedores".

As redes vehiculares, baseadas na comunicación directa entre vehículos, teñen un futuro prometedor ofrecendo servizos a un custe moito menor que o das redes de telefonía móbil e satelitais. Pero a alta mobilidade e variabilidade do tráfico puxo freo ao seu desenvolvemento, quedando o seu uso reducido a mensaxes de seguridade entre os usuarios da rede.

O sistema deseñado por Bravo emprega novos mecanismos para tornar nun ambiente máis predicible aás redes de vehículos. Estes mecanismos baséanse nos sistemas automáticos de transporte público e privado, nos avances nos sistemas de información do tráfico en tempo real e nas novas políticas para compartir información e transporte entre usuarios con destinos similares. Con esta información, explica o investigador “o noso sistema planifica de antemán o despregue de servizos de comunicacións baseado no uso de nodos abstractos que se desprazan por rutas predeterminadas e a información sobre os servizos dispoñibles é cargada nos dispositivos de usuarios en función da súa localización e horario.

Cimentar unha colaboración estable.
Jack Fernando Bravo explica que foi a calidade e o prestixio da Universidade de Vigo o que o impulsou a iniciar os seus estudos de doutoramento no Departamento de Enxeñaría Telemática. O investigador destaca a facilidade para desenvolver todo este proceso a distancia, compaxinando a tese co seu labor docente na Universidad Politécnica Salesiana del Ecuador. Desta colaboración xurdiron outros froitos que van máis aló da tese de Bravo. O profesor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e co-director da tese, Martín Nores, vén de impartir un curso na institución ecuatoriana e traballa intensamente en estreitar e consolidar esta colaboración. “Estamos aproveitando para explorar vías que levarían á implantación de títulos de telecomunicación na UPS, unha universidade que está pasando unha época de notable crecemento”, apunta Nores.

Fonte: duvi.uvigo.es