Oficina CEER
 21-03-2012
ALUMNOS DE ETSAC PROPORÁN SOLUCIÓNS A VARIOS ESPAZOS DO CONCELLO DE CARBALLO

Uns 250 alumnos das materias de Proxectos III e Urbanismo da Escola Técnica Superior de Arquitectura traballarán na resolución de varios problemas urbanísticos e paisaxísticos no concello de Carballo, como parte da súa formación académica, segundo explicou o profesor Felipe Peña no acto de ratificación do convenio entre o reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto, e o alcalde do Concello de Carballo, Evencio Ferreiro.

O profesor e coordinador do proxecto adiantou que os alumnos, que xa están traballando, proporán diversas estratexias de cara a onde debe ir o urbanismo deste Concello con catro actuacións definidas. Deste xeito, buscarán solucións ao paso do río Anllóns polo casco urbano e a un pequeno parque cercano e ao contorno da área da Milagrosa. Tamén analizarán as posibilidades da ludoteca municipal e proporán proxectos para unha vivenda unifamiliar situada preto do areal de Carballo. Peña lembrou que este tipo de actuacións en colaboración con concellos galegos xa se veñen facendo na escola desde hai varios anos, como demostran as diferentes actuacións realizadas en Caldas, As Pontes, Ferrol e, para o próximo ano, Lugo. “Procuramos que o proxecto implique temas patrimoniais para que os alumnos vivan a construción sobre o vello que enriquecerá a súa formación como arquitectos”, declarou o profesor.

Pola súa parte o alcalde de Carballo dixo que “as administracións locais debemos colaborar estreitamente coa Escola de Arquitectura para que aporten solucións a un espazo urbano necesitado das ideas universitarias”. “Estamos esperando que nos cheguen as propostas que nos servirán para facer estratexias de cara ao futuro”, continuou. O reitor agradeceulle ao Concello a colaboración na formación dos futuros arquitectos xa que este tipo de proxectos “permite que os alumnos traballen na búsqueda de solucións profesionais a problemas reais, como aos que terán que enfrontarse unha vez rematada a súa estadía universitaria”. Isto estreita, ademais, a relación entre a universidade e a sociedade, opinou Armesto.

Unha selección destes alumnos participa ademais no programa formativo europeo Iacobus, en que estudantes de Arquitectura da Universidade da Coruña se unen a outros das universidades de Clermond-Ferrand (Francia) e Regensburg (Alemaña) para traballar en proxectos arquitectónicos comúns durante uns días. Neste curso, os alumnos da UDC acaban de volver de Regensburg onde xunto cos outros estudantes franceses e alemáns estiveron traballando sobre un palacio do século XVI. A finais de curso exporán as solucións a este espazo nunha xornadas que terán lugar na escola coruñesa. O profesor Cristóbal Crespo, implicado tamén directamente en ambos os dous proxectos, manifestou a importancia deste tipo de formación práctica porque supón “unha inxección de ilusión para os estudantes que se ven metidos en problemas reais”.

Fonte: udc.es