Oficina CEER
 26-03-2012
O CONSELLO DE GOBERNO DA USC APROBA MEDIDAS DE ACTUACIÓN PARA ESTABILIZAR DISTINTOS COLECTIVOS DO PDI

O Consello de Goberno deu o día 23 o seu visto bo a unha serie de medidas de actuación para estabilizar distintos colectivos do Persoal Docente e Investigador (PDI). Decidiuse así que a aqueles investigadores do programa Isidro Parga Pondal (IPP) que remataron o seu contrato en decembro de 2011 e obteñan o nivel de excelente na avaliación da ANEP se lles convocará unha praza, ao igual que a quen acade o nivel de ‘bo’ e pertenza a unha área que non estabilizase ningún investigador en convocatorias pasadas e non teña contratados nas posteriores a 2006.

No caso de que algún investigador obtivese o grao de excelente e pertencese a unha área que non estabilizara previamente a ninguén nin contratara en convocatorias posteriores a 2006 poderase convocar unha praza noutra área diferente que teña un investigador avaliado como bo e outro xa estabilizado e ningún contratado.

Acordouse ademais que con respecto ao procedemento de avaliación dos IPP de 2006 e 2007 se empregarán os criterios do Plan Nacional de Investigación Científica, Desarrollo e Innovación Tecnológica 2004-2007 (Programa I3).

A proposta, á que se incorporaron achegas de membros do Consello de Goberno, foi sometida a votación cun resultado de 25 votos a favor, 9 en contra e 11 abstencións.

Convocatoria actual e futura.
Aos Ramón y Cajal (RC) e IPP con contrato en vigor que obteñan durante o período de contratación na USC un recoñecemento especial como o que concede o European Research Council (Starting Grants ou Advanced Grants) convocaráselles unha praza para que poidan acadar a súa estabilización antes do remate do seu contrato. Tamén se lle convocará aos RC de 2007 que cumpran todos os requisitos esixidos.

Para os IPP e RC non contemplados nos casos anteriores que obteñan o nivel de excelente antes do remate do seu contrato convocarase unha praza se pertencen a áreas con necesidades estruturais. Quen correspondan ás outras áreas a estabilización dependerá dunha puntuación, que deberá ser maior cantos máis estabilizados previos teñan na área.

Futuro.
Ao persoal investigador que se contrate no futuro ao abeiro destes programas competitivos e obteña o nivel de excelente se lle convocará unha praza se pertencen a áreas con necesidades, mentres que nas outras a USC establecerá na propia convocatoria os criterios de estabilización se fose o caso.

As medidas aclaran ademais que a partir de agora todas as áreas con necesidades estruturais deberán concorrer a convocatorias competitivas de recursos humanos para tratar de obter recursos externos de estabilización. De non acadalos procederase á creación de prazas a través das figuras da carreira académica convencional (axudantes e axudantes doutores).

Esta proposta revisarase en outubro do 2013 unha vez que a Xunta presente os orzamentos para 2014.

Interinos e axudantes.
Os interinos por vacante dependerán de criterios estruturais, convocándose prazas definitivas nas áreas con necesidades. O proceso queda supeditado ás posibilidades normativas e orzamentarias de cada momento. Con respecto aos actuais axudantes, ao remate do seu contrato garántese a creación dunha praza no cadro de persoal condicionada á súa acreditación. Asociados LRU Aos asociados LRU con contrato administrativo a tempo parcial que pertenzan a áreas nas que no Plan Docente Anual 2012-13 exista necesidade conxuntural adaptaráselles o contrato ata o 30 de setembro de 2013. A quen teña asignada docencia no segundo cuadrimestre deste curso e non haxa necesidade no próximo adaptaráselles o contrato ata o 30 de setembro de 2012.

No referido ao asociado a tempo completo crearáselles unha praza aos doutores acreditados, aos que o fagan ata o 31 de xullo ou aos que nesa data aínda non recibiran resposta. Para as restantes prazas vacantes a partir do 4 de maio de 2012 crearanse e convocaranse prazas equivalentes LOU (axudante doutor) en función das necesidades. Para non prexudicar ao alumnado o profesorado que teña docencia neste cuadrimestre, de xeito excepcional, poderá ser contratado interinamente ata o 31 de xullo.

Fonte: xornal.usc.es