Oficina CEER
 28-03-2012
A UDC MANTERÁ ESTE ANO A CONTÍA DAS BOLSAS AO ESTUDANTADO

O Consello de Goberno da Universidade da Coruña aprobou esta mañá manter a contía das bolsas propias ao estudantado para este ano.

As axudas refírense ás bolsas de colaboración dos alumnos en departamentos, laboratorios, bibliotecas, aulas net e en diversos servizos da universidade. Teñen unha duración entre os cinco e nove meses cunha dedicación que oscila entre as seis e as oito horas á semana e polas que perciben entre 216 e 360 euros mensuais. Como se sabe, a Universidade da Coruña está actualmente con orzamentos prorrogados á espera de que se elaboren uns novos para este ano. Este novo documento económico reflectirá xa esta decisión cunha partida económica específica.

A sesión de Consello de Goberno de hoxe deu o visto e prace tamén á proposta de límite de prazas daquelas titulacións que estaban sen límite coa fin de adaptarse ao decreto do goberno de decembro de 2011 que impoñía a limitación en todas as titulacións. Deste xeito, quedarían segundo a seguinte táboa:

Grao en Arquitectura Naval 50
Grao en Enxeñaría en Propulsión e Servizos do Buque 50
Grao en Enxeñaría Mariña 55
Grao en Enxeñaría Náutica e Transporte Marítimo 55
Grao en Español: Estudos Lingüísticos e Literarios
Grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios
Grao en Inglés: Estudos Lingüísticos e Literarios 175
Grao en Química 60
Grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos (A Coruña) 90
Grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos (Ferrol) 70 Grao en Socioloxía 95
Grao en Turismo 80

Para os graos en Español: Estudos Lingüísticos e Literarios, en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios e en Inglés: Estudos Lingüísticos e Literarios establécese un cómputo global de prazas xa que a Memoria de Verificación e o Plano de Viabilidade presentado presentan unha estrutura conxunta. Ademais, o Consello de Goberno modificou o límite do Grao en Enxeñaría Informática que baixa de 260 a 247 prazas.

Outros temas que se trataron no día de hoxe teñen que ver con aspectos estritamente académicos como diversas convocatorias de prazas, cambio de departamento e área de coñecemento, a modificación da adscrición funcional de materias de grao e modificación de diversas normativas.

Fonte: udc.es