Oficina CEER
 30-03-2012
DE VERDADE AOS UNIVERSITARIOS NON LLES INTERESA A POLÍTICA?

Dous mozos poñen en marcha a web PoliticAhora.

Crearon unha rede de participación a nivel nacional demostrando “que no eido estudantil é imposible ser apolítico”.

"O noso reto é ofrecer unha plataforma obxectiva que achegue a política aos cidadáns, sen estar condicionados pola ideoloxía dun partido político e facendo que as ideas de cadaquén sexan froito da súa reflexión persoal”. Con esta idea naceu a páxina web PoliticAhora, que supón o inicio da andaina política de Cesáreo Pereira, estudante de 2º curso de Economía e de Diego Mo, un potencial estudante de Ciencias Políticas. Tras darse a coñecer a través de redes sociais e facer do boca a boca o seu mellor recurso publicitario, lograron crear unha rede de participación a nivel nacional demostrando, tal e como eles mesmos indican, “que no eido universitario é imposible ser apolítico”.

A entrevista a Mario Conde, un punto de inflexión Aínda que a idea xurdiu en novembro coa creación dun blog para dirixirse ao público universitario, a obxectividade e calidade dos artigos e o interese dos temas pronto captaron o interese dun público máis xeral. As visitas comezaron a crecer, pero o punto de inflexión foi a publicación da entrevista a Mario Conde. “Sempre tentamos tratar temas que lle importan á sociedade sen ter detrás os dogmas de ningún partido político para que, en base á reflexión individual, cada quen forme as súas ideas e non fale por boca de ningunha ideoloxía” indica Pereira. Tras o éxito logrado, “decidimos dar o salto, pasar a ter a entidade e fortaleza que ten unha páxina web e da que carece un blog”. A boa aceptación de PoliticAhora fai que os seus promotores estean convencidos de seguir a liña marcada publicando, proximamente, unha entrevista a Gaspar Llamazares.

Unha rede de universitarios en colaboración.
Malia que os dous estudantes comezaron en solitario a súa andaina no mundo da política e sen máis publicidade que o boca a boca e redes sociais coma Twitter e Facebook, pronto lograron controlar unha canle de participación a nivel nacional. Amigos e coñecidos das universidades de Barcelona, Madrid, Granada, Valladolid e Santiago de Compostela sumáronse á idea de Cesáreo e Diego, creando “pequenos grupos de estudantes que colaboran enviando artigos para a web, que posteriormente revisamos e publicamos, sempre e cando manteñan a obxectividade e sexan respectuosos”, aclara Mo.

Con esta experiencia, “rompemos o mito de que aos universitarios non nos interesa a política; comprobamos que cunha plataforma desvinculada de calquera partido ou ideoloxía, a apatía e o inmobilismo existente acaba transformándose en participación e reflexión individual”. Para os dous estudantes foi moi positivo ver a reacción dos seus compañeiros, xa que sendo universitario “é imposible ser apolítico, recorte en bolsas, a existencia de poucos libros nas bibliotecas ou algo tan básico como ter tinta na impresoras dunha facultade é algo que afecta a todos. Deste xeito, podemos explicar reivindicar o que merecemos”, conclúen.

Fonte: duvi.uvigo.es