A USC ORGANIZA EN LUGO O SEU PRIMEIRO SIMPOSIO SOBRE AGROECOLOXÍA E XESTIÓN EFICIENTE DOS RECURSOS HÍDRICOS
A privatización crecente dos servizos de abastecemento de auga, a análise dos modelos agrícolas e a relación entre auga e territorio son algún dos temas a debate.
Os días 13 e 14 de xuño a USC organiza a primeira edición do simposio ‘Agroecoloxía y gobernanza del agua’, que nace co obxectivo de converterse nun foro para a reflexión sobre o crecente proceso de privatización dos servizos públicos de abastecemento de auga, a análise dos modelos agrícolas e a súa influencia na disposición de cantidades e calidades da auga e servir de foro para o debate en torno á xestión da auga e do territorio. O encontro terá como sede a Casa do Saber, na sede da Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo.
“Nos últimos decenios asistimos a unha constante tendencia á privatización dos servizos da auga. Os mercados xa están xestionando a auga, e unha cantidade desa auga constitúe un dereito humano básico, polo que hai que abrir un debate sobre este modelo, cheo de limitacións e máis atento ao beneficio económico que ao servizo á cidadanía”, explican os organizadores do simposio, quen tamén alertan sobre a necesidade de incluír a agroecoloxía “á hora de establecer sistemas de xestión da gobernanza da auga, se queremos garantir a sostibilidade deste recurso”.
Entre os relatores que farán as súas achegas neste simposio están expertos tanto da USC como doutras universidades; representantes de organismos e asociacións vinculadas á xestións de recursos hídricos; e outros especialistas do ámbito público e privado, como o director da Estación Hidrobiolóxica Encoro do Con da USC, Fernando Cobo. Ademais dos relatorios, comunicacións e mesas redondas, o encontro inclúe tamén unha ruta en catamarán polo río Miño e unha visita técnica á nova Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Lugo.
As inscricións poden realizarse a través da web.
http://www.agroecologia.net, onde tamén se poden consultar as normas de presentación de comunicacións, cuxo prazo estará aberto ata o 23 de abril para o envío dos resumos previos.
Ademais das USC, participan na organización destas xornadas a Sociedade Galega de Agrecoloxía (SOGA), a Sociedad Española de Agricultura Ecológica (SEAE), a Asociación Galega de Investigadores da Auga (AGAIA), o Centro de Estudios Rurales y de Agricultura Internacional (CERAI) e a Fundación Nueva Cultura del Auga (FNCA), así como o Concello e a Deputación de Lugo.
Fonte: xornal.usc.es