Oficina CEER
 10-04-2012
NOVAS PROPOSTAS DE ACTIVIDADES DA AULA DE EMPRENDEDORES NOVOS DA USC

Xeración de ideas a través da música, integridade de marca ou liderado e dirección de equipos propostas dalgúns dos seus cursos para este mes.

A Aula de Emprendedores Novos da Cátedra Bancaja da USC mantén aberta a inscrición de novos obradoiros e outras actividades que se desenvolverán ao longo do mes de abril. Todas elas son de carácter gratuíto e con número de prazas limitadas.

Este novo conxunto de propostas comezará a desenvolverase cun obradoiro de ‘Xeración de ideas a través da música’, que en formato de taller de creatividade se desenvolverá o día 11. O venres 13 realizarase unha visita ao viveiro de empresas da Cámara de Comercio de Santiago no Polígono Costa Vella.

As seguintes actividades serán unha serie de talleres sobre ‘Liderado e dirección de equipos’, os días 18 e 20 de abril, e sobre ‘Integridade de marca: a imaxe do proxecto empresarial, o 25 e 27 de abril. En colaboración co Colexio de Economistas da Coruña e a Fundación ‘Unha Galicia Moderna’, vaise organizar do 11 de abril ao 9 de maio un curso de ‘Traxectorias profesionais na empresa’, para o que se ten solicitado o recoñecemento por un crédito de libre configuración.

As persoas interesadas en participar en calquera destas actividades poden descargar a ficha de inscrición da web www.catedrabancajausc.es e envialo ao correo catedrabancaja@usc.es.

Fonte: xornal.usc.es