O coproductor e coguionista da película premiada nos Goya “Arrugas” imparte unha conferencia na Facultade de Comunicación.
A Coruña, 11 de abril de 2012.- O salón de actos da Facultade de Ciencias da Comunicación acollerá mañá xoves, 12 de abril, ás 13:00 horas, unha charla do coguionista e co-productor executivo de "Arrugas", Ángel de la Cruz, película galardonada nos Premios Goya deste ano.
“Arrugas” é unha longametraxe de animación 2D para un público adulto baseado no aclamado cómic do mesmo título de Paco Roca (Premio Nacional de Cómic 2008). Narra a amizade entre Emilio e Miguel, recluídos nun xeriátrico. Emilio, que acaba de chegar á residencia nun estado inicial de Alzheimer será axudado por Miguel e outros compañeiros para non acabar no andar superior da residencia, o temido piso dos asistidos. O seu plan tingue de comedia e tenrura o tedioso día a día da residencia, porque aínda que para moitos as súas vidas xa remataran, eles acababan de empezar unha nova.
Fonte: udc.es