O ENCONTRO UNIVERSITARIO DE DANZA DESPÍDESE DAS RÚAS DE LUGO CUNHA TRIPLA PROPOSTA ANTES DE VIAXAR A SANTIAGO
As actuacións desta segunda xornada terán lugar na rúa da Raíña e as prazas da Horta do Seminario e da Soidade, con localizacións alternativas en caso de chuvia.
O martes 17 as rúas de Lugo volverán ser o escenario da segunda xornada e última do 10º Encontro Universitario de Danza Contemporánea, organizado polo Espazo de Danza da USC. Desta volta, as localizacións elixidas son a rúa da Raíña e as prazas de Horta do Seminario e da Soidade.
A primeira das citas chega ás 12.00 horas na rúa da Raíña, e nela representaranse as pezas Unha cidade por ser, da Aula de Danza da Universidade da Coruña, baseada na obra literaria Las ciudades invisibles, de Italo Calvino; e Isto non é, unha proposta creada a partir da descontextualización de pezas clásicas que achega D-ou-tras, a compañía de danza da Universidade de Vigo no Campus de Ourense. En caso de chuvia, o espectáculo trasladarase á galería comercial situada na mesma rúa.
Ás 14.00 horas as coreográficas trasládanse á praza da Horta do Seminario, onde a compañía portuguesa Teatrubi, procedente da Universidade de Beira Interior, presentará a súa peza Mata-dor. A proposta complétase nesta segunda cita do día coa actuación da Compañía de Danza da USC en Lugo, que interpretará A escoita do corpo, inspirada nas sensacións, circunstancias e emocións que emerxen da cerna do corpo cara ao exterior. A localización alternativa neste caso será o edificio da Facultade de Formación do Profesorado.
O encontro péchase coa dobre representación que se desenvolverá na praza da soidade a partir das 18.00 horas, e na que participan a compañía MU-Danza, coa súa peza Vinte caixas, sobre a base dunha mudanza na que os elementos da escena van desaparecendo da vista do espectador; e a Compañía de Danza da USC en Santiago, que presenta Diversos, unha coreografía que toma a multiculturalidade como eixe vertebrador. As instalacións do Museo Provincial acollerán as actuacións se o tempo no permite a súa representación na praza.
Os días 18 e 19 o Encontro Universitario de Danza trasládase a Santiago de Compostela, onde se presenta unha proposta similar á de Lugo, con actuacións espalladas por diferentes localizacións dos tres campus composteláns.
Fonte: xornal.usc.es