Oficina CEER
 19-04-2012
XORNADA DE PORTAS ABERTAS NA ESCOLA DE NÁUTICA DA UDC

Xornada de portas abertas na Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas.

A Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas da Universidade da Coruña invita a navegantes, mariños e persoas interesadas pola navegación e o mar, á Xornada de Portas Abertas que celebrará nas súas instalacións o próximo venres día 20 de abril, dentro do programa de actos deseñado con motivo da celebración da festividade de San Telmo, patrón da Escola.

A visita será guiada por profesores e alumnos que mostrarán os talleres usados na formación de futuros mariños, algunhas interesantes pezas de arqueoloxía industrial e motores mariños (as orixes da escola remóntanse a máis de 500 anos), así como aulas de simulación e o planetario onde é posible practicar navegación astronómica.

O colofón da Xornada consistirá nunha charla de Rafael do Castelo, mariño profesional e navegante solitario, famoso por ser o fundador da Roda dos Navegantes, o servizo de asistencia vía radio aos navegantes que cruzan o Atlántico. As numerosas anécdotas recompiladas entre os transmundistas durante os anos de funcionamento de "a Roda" supoñen un compendio de experiencias interesante e moi formativo para os afeccionados ao cruceiro de altura.

A Escola colabora coa Asociación de Navegantes de Recreo nas xornadas de formación que levan a cabo en Galicia. Recentemente, o capitán da Mariña Mercante Joaquín do Río, profesor de Seguridade da Escola, impartiu un relatorio nas xornadas celebradas en Vilagarcía. A fin de garantir que se poderá atender debidamente a todos os asistentes nas visitas guiadas, a dirección da Escola facilita o seguinte teléfono e dirección de correo electrónico para que os interesados confirmen a súa asistencia á Xornada de Portas Abertas, que será completamente gratuíta, Tlf.: 981167000 (ext. 4220) e pbecerra@udc.es

Fonte: udc.es