O colofón desta iniciativa serán dous concertos en Santiago e Lugo coa participación de todos os músicos e músicas asistentes.
O Espazo de Cámara da Universidade de Santiago fai un chamamento á comunidade musical para que participe nun novo encontro orquestral con docentes do panorama profesional galego que terá lugar entre os días 27 e 29 de abril en Compostela e que finalizará con dous concertos, en Santiago e Lugo, para homenaxear a Claude Debussy no 150 aniversario do seu nacemento.
A USC fixo en 2010 unha aposta clara pola música de cámara ao integrar á comunidade universitaria con formación musical na Orquestra do Espazo de Cámara da USC. No proxecto, que se mantén permanente con ensaios semanais, séguese unha programación didáctica na que os seus corenta integrantes –alumnado e profesorado universitario- amplían a súa formación orquestral baixo a supervisión de Mario Diz.
Na súa ansia por ampliar coñecementos e experiencias, os membros da orquestra universitaria concentraranse a última fin de semana de abril para realizar ensaios e clases con docentes convidados pertencentes a diversos centros educativos musicais así tamén como da Real Filharmonía de Galicia. Este encontro queren compartilo con estudantes de música de 2º ciclo de Grao Profesional e Grao Superior, aos que abren a convocatoria de inscrición ata o 25 de abril.
En concreto, terán unha oportunidade única de empaparse das ensinanzas de profesionais como o violinista Sergio Heredia, a viola Anne Slossmacher, o violonchelista Guillermo Alzugaray e Alfredo Varela nos ventos.
O encontro culminará nos concertos ‘Homenaxe a Claude Debussy. 150 Aniversario’ do 31 de abril en Santiago e do 1 de maio en Lugo, cun formato orixinal que sorprenderá ao público e cun programa composto por obras significativas como as Danzas Sacra e Profana para orquestra de corda e arpa solista, coa especial colaboración da arpista salmantina Reyes Gómez Benito; dúas Gynopedias de Erik Satie orquestradas polo propio Debussy; as Danzas Húngaras de Bèla Bartok; e o tango Río Sena de Astor Piazzola orquestrado por Mario Diz para a ocasión.
Fonte: xornal.usc.es