Oficina CEER
 23-04-2012
A UDC E O CONCELLO DA CORUÑA ORGANIZAN XORNADA SOBRE AS PERSOAS SEN TEITO

A Oficina de Cooperación e Voluntariado da Universidade da Coruña e o Concello de Coruña organizan a Xornada As persoas sen teito, unha realidade sen voz, coa que se pretende dar visibilidade a este colectivo a través das experiencias dos equipos de profesionais dos Concellos de A Coruña, Xixón, Bilbao e Barcelona, que traballan con programas referentes a nivel nacional no eido das persoas sen teito. O prazo de inscrición está aberto ata o día 24 de abril. A xornada terá lugar o día 26 de abril no Salón de Actos do Centro Cívico de Labañou, de 9:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas.

Á inauguración, que se celebrará ás 9.15 horas, acudirán a vicerreitora de Relacións Internacionais e Cooperación da Universidade da Coruña, Natalia Álvarez Lata, e o concelleiro de Servizos Sociais do Concello da Coruña, Miguel Lorenzo Torres. Na sesión de mañá analizaranse os programas en rede de atención a persoas sen fogar dos municipios nomeados e as iniciativas locais promovidas pola Unión Europea. Pola tarde realizaranse dous obradoiros de traballo en grupo para avaliar o modelo de Barcelona e Xixón, e a súa aplicabilidade á cidade da Coruña.

Fonte: udc.es