A CUARTA EDICIÓN DOS ‘SONS CREATIVOS’ DE LUGO CENTRA AS SÚAS ACTIVIDADES NA RELACIÓN ENTRE MÚSICA E NATUREZA
O encontro celebrarase os días 11 e 12 de maio da Casa do Saber e estará dedicado ao compositor José Luis Carles Arribas.
O Grupo de Creación Musical da USC (GCMUS), dirixido por Inmaculada Cárdenas, organiza en Lugo por cuarto ano o encontro ‘Sons Creativos’, que se celebrará os días 11 e 12 de maio na Casa do Saber.
Nesta cuarta edición, o certame estará dedicado ao compositor José Luis Carles Arribas, recoñecido investigador en temas de percepción sonora, análise cualitativa do medio ambiente sonoro e interacción entre estímulos visuais e auditivos. Relatorios, mesas redondas, concertos, obradoiros, instalacións sonoras e performances configuran un amplo programa integrado baixo o título común ‘Música e natureza’, temática que servirá como fío condutor de todas as actividades.
No acto de presentación do encontro participaron o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; o tenente alcalde e responsable das áreas de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Antón Bao; o coordinador da Área Cultural da Delegación da Xunta de Galicia en Lugo, José Carlos Rodríguez Andina; e a directora do GCMUS e do programa ‘Sons Creativos’, Inmaculada Cárdenas.
Cárdenas destacou a “vinculación natureza e música, que esta existe” e o “carácter diferencial que a música achega para interpretar a paisaxe, moi diferente ás artes plásticas, e que neste encontro se mostra aínda máis en esencia polo seu carácter experimental”. A directora do programa puxo de relevo tamén “a importancia do traballo conxunto con outras universidades nas que se realizan traballos musicais experimentais”. Así, nesta edición de ‘Sons Creativos’ haberá representantes da Universitat de València, da Universidad Autónoma de Madrid, da Universidad de Castilla-La Mancha e da Universidad de Valladolid, ademais de músicos, artistas plásticos e historiadores.
Este encontro enmárcase dentro da oferta do programa Lugo Cultural para o ano 2012, que organizan conxuntamente a USC, a Deputación e o Concello de Lugo e a Xunta de Galicia.
Programa de actividades.
O venres 11 a xornada ábrese ás 9.30 horas coa mesa redonda ‘Música e natureza: ecoloxía’, a cargo de José Luis Carles Arribas, Cristina Palmese, Juan Gil López e Carlos Suárez. Ás 12.00 horas celebrarase unha segunda mesa redonda, baixo o título ‘Música, natureza: pedagoxía’, na que intervirán Adolfo Murillo Ribes, Elena Hidalgo e Mónica Álvarez.
Entre as dúas mesas levarase a cabo a inauguración oficial do encontro e a presentación do DVD Música, espazos e cidade, no que se recollen as obras estreadas nas tres edicións anteriores.
Na sesión de tarde haberá unha nova mesa redonda (16.30 horas), denominada ‘Música e natureza: tecnoloxía e medios de comunicación’, na que participan Miguel Molina, Rocío Garriga Inarejos, Juan Antonio Lleó, Jesús Otero-Iglesias e Arturo Vaquero.
A xornada do venres péchase ás 20.00 horas cun concerto colectivo a cargo dos participantes nas mesas redondas (acompañados de estudantes das súas universidades de procedencia) e de membros do GCMUS.
O sábado 12 haberá unha derradeira mesa redonda (9.30 horas) sobre ‘Música e natureza: historia e creación sonora’, na que estarán Inmaculada Cárdenas, Javier Garbayo e Miguel Molina, así como alumnos de José Luis Carles Arribas na Universidade Autónoma de Madrid. Ás 11.30 horas desenvolverase un taller de creación a cargo de Carlos Suárez, e o encontro rematará ás 13.30 horas cunha performance na que actuarán Berio Molina e María Roja.
Todas as actividades do programa están abertas ao público en xeral, e o programa está recoñecido cun crédito de libre configuración para os estudantes universitarios que o soliciten.
Fonte: xornal.usc.es