Oficina CEER
 24-05-2012
OS REITORES DECIDEN NON ASISTIR AO CONSELLO DE UNIVERSIDADES

Os reitores españois solicitan unha reunión urxente co Presidente do Goberno.

Temas: taxas de matrícula e dedicación docente do RD-L 14/2012 de 20 de abril.

Os reitores acusan ao ministro de Educación de “falta de respecto”. A decisión foi tomada ante a negativa de Wert a debater sobre os recortes nesta xuntanza.

Os reitores das universidades españolas decidiron este xoves non asistir ao Consejo de Universidades ante a negativa do ministro de Educación, Cultura e Deporte, José Ignacio Wert, a analizar e debater os recortes que afectan ao sistema educativo. A Conferencia de Rectores de las Universidades Españolas fixo público un comunicado no que amosaban a súa sorpresa ante a orde do día do Consejo de Universidades na que non figuraba a análise e debate do Real Decreto-Lei 14/2012 de 20 de abril, que atinxe ao recortes de educación. Segundo indican os responsables das universidades, a CRUE, reunida en asemblea xeral o pasado 4 de maio en Murcia, decidiu solicitar, con data 7 de maio, a convocatoria dun Consejo de Universidades Extraordinario, cun único punto na orde do día: analizar e debater este decreto, “ante a enorme preocupación que a aplicación do mesmo produce nas universidades”. Esta solicitude foi subscrita por 59 dos reitores asistentes a esta xuntanza, e anteriormente xa fora solicitada pola presidenta da CRUE, Adelaida de la Calle, e non foi atendida.

A pesar da petición cursada pola CRUE, “sorprendentemente convocouse aos reitores a un Consejo de Universidades Ordinario, no que non figuraba na orde do día o punto central da súa solicitude”. En cambio, si se incluían na mesma “varios asuntos de trámite” ao tempo que se omitía “o punto de Rogos e Preguntas, entendendo que se pretendía evitar a reflexión e o debate”.

Con todo, os reitores decidiron inicialmente asistir a esta reunión do Consejo de Universidades sempre e cando o Ministerio manifestase o seu compromiso de convocar o solicitado Consejo de Universidades Extraordinario para tratar o Real Decreto-Lei 14/2012”. “Ante o seu silencio e rexeitamento, os reitores entenderon que se trata dunha falta de respecto e de atención a toda a comunidade universitaria, aos seus estudantes, aos seus profesores e ao persoal de administración e servizos”, motivo polo cal decidiron non asistir á sesión de onte mércores do Consejo de Universidades.

Segundo adianta este comunicado da CRUE, ante a falta de resposta, os reitores solicitarán unha reunión urxente co presidente do Goberno, Mariano Rajoy.

O Consello de Goberno da Universidade debate hoxe sobre o decreto Pola súa banda, a Universidade de Vigo celebra este xoves unha sesión ordinario do Consello de Goberno na que, entre outros temas, os seus membros posiconaranse sobre o Real decreto-lei 14/2012, de 20 de abril, de medidas urxentes de racionalización dos gasto público no ámbito educativo.

Comunicado da CRUE:
http://duvi.uvigo.es/images/stories/2012/maio/comunicadocrue2.pdf