Oficina CEER
 13-06-2012
O CLIMA DO FUTURO, A INVESTIGACIÓN DO PRESENTE

Juan Antonio Añel traballa desde a Universidade de Oxford en dous proxectos internacionais deste eido.

Co uso da supercomputadora Finis Terrae están a analizar a influencia da actividade solar no cambio climático.

Un dos temas de maior preocupación global é o cambio climático e os seus posibles efectos económicos, sociais, poboacionais, naturais e de todo tipo. Institucións e científicos de todo o mundo traballan para comprender o clima de hoxe e para predicir coa maior exactitude posible como será mañá. Entre os investigadores internacionais punteiros neste eido está o ourensán Juan Antonio Añel Cabanelas, doutor en Física da Universidade de Vigo que actualmente traballa como investigador na Smith School da Universidade de Oxford valorando riscos climáticos e políticas de adaptación aos mesmos. Desde o Reino Unido desenvolve dous ambiciosos proxectos que tratan de debuxar un retrato máis exacto do cambio climático empregando dous grandes instrumentos de cálculo moi diferentes, como son a supercomputadora galega Finis Terrae, situada no Cesga, e ordenadores persoais de moita xente en tempos de inactividade.

O papel da actividade solar.
Desde Oxford, Añel continúa colaborando coa Universidade de Vigo a través da docencia no Máster en Ciencias do Clima e da investigación co grupo EPhysLab. Con este grupo, explica, “entre outras cousas estamos a estudar fenómenos meteorolóxicos que ocorren sobre as rexións polares do planeta e que afectan ao tempo que temos nas nosas latitudes en inverno. Tamén estudamos o impacto da enerxía do sol sobre o clima terrestre, intentando mellorar a súa representación nos modelos”. Concretamente este último proxecto, no que tamén participan a Universidade Complutense de Madrid, o National Center for Atmospheric Research de Estados Unidos e o Centro de Supercomputación de Galicia, é un dos que máis horas de cálculo está a consumir do Finis Terrae.

“A novidade deste proxecto é que non había simulacións que incluíran de xeito realista os efectos da actividade solar sobre o clima do futuro cun modelo desta escala”, apunta o investigador. Este traballo permitirá analizar, entre outras cousas, os diferentes escenarios climáticos posibles en función de diferentes valores de radiación solar, e non só en función do quecemento da atmósfera provocado pola acción humana. Haberá que agardar a 2013 para coñecer a maior parte dos resultados do proxecto actualmente en marcha, resultados que se agarda sexan datos de utilidade para a Organización Metereolóxica Mundial e outras entidades internacionais.

Cálculos con computadoras persoais de moita xente Ademais de participar neste proxecto, Juan Antonio Añel é o coordinador da parte científica do proxecto Climateprediction.net Weatherathome.net, unha iniciativa que leva unha década realizando estudos do clima e proxeccións futuras sobre el empregando os ordenadores da xente na súa casa cando non están a ser empregados. “Estes resultados utilizámolos despois para facer estudos sobre o clima da Terra e como pode cambiar no futuro. Debido ao sistema que utilizamos podemos simular o clima moitas máis veces e con moitísimas máis condicións cambiantes, obtendo unha maior precisión e sen necesidade de usar supercomputadoras”, explica.

“Dende o punto de vista da investigación o meu labor céntrase en deseñar e levar a cabo novos experimentos de predición do clima segundo sexa necesario para distintos estudos e informes, así como analizar os resultados, publicalos e aplicalos en diferentes campos relativos á economía. Para iso utilizamos varios modelos climáticos que tratamos de mellorar e adaptar segundo o estudo a realizar", resume o investigador sobre o seu papel na Smith School. Ademais, coordina e supervisa o traballo de varios investigadores posdoutorais e asesora a investigadores do centro que traballan noutros campos relacionados co cambio climático e os seus impactos, como son o departamento de políticas e o de economía.

Exilio laboral.

Como investigador galego no exterior, Juan Antonio Añel non pode deixar de destacar do seu traballo en Oxford que “desde o punto de vista profesional é enriquecedor como calquera experiencia que se ten na vida, pero o mesmo tempo moi frustrante por non poder estar facendo o mesmo na miña terra. Estou exiliado por motivos laborais”. Deste xeito, e aínda que desexaría volver a traballar algún día a Galicia en condicións axeitadas, lamenta que exista en España “unha clara falta de aposta polo investimento en coñecemento e por obter froito do enorme investimento previo na educación de xente coma min”. Na súa opinión existe "desprezo polos investigadores e falta percepción social da necesidade e beneficios do noso traballo”.

Fonte: duvi.uvigo.es