Oficina CEER
 18-06-2012
ENCONTROS ABERTOS: INNOVACIÓN SOCIAL, CULTURA HACKER E TERCEIRO ESPAZO

Baixo o título de “Encontros abertos: innovación social, cultura hacker e terceiro espazo”, o Grupo de Investigación Gis-T IDEGA, da Universidade de Santiago de Compostela, e o colectivo Baleiro, convocan un encontro aberto no que debatir a propósito do chamado “xiro educativo” das prácticas culturais e das novas formas de creación e distribución do coñecemento.

A convocatoria parte da idea de que un amplo conxunto de experiencias colaborativas está reformulando os procesos educativos, plantexando as iniciativas pedagóxicas como procesos de negociación. Unha visión da aprendizaxe como conversación, intercambio e experimentación creativa, que pode ser vinculada á cultura hacker, por unha banda, e a un renovado interese polo procomún, en tanto patrimonio colectivo, pola outra.

Neste senso, débese destacar o importante traballo de investigación interdisciplinar que, durante anos, teñen desenvolvido tanto o Grupo de Investigación Gis-T, especializado na análise do impacto das tecnoloxías da información e a comunicación na sociedade e o territorio, como Baleiro, centrado na exploración das relacións entre arte, política e sociedade. De feito, esta actividade está impulsada polo Máster en Sociedade da Información e o Coñecemento do Gis-T e a USC, que deu pé a un ambicioso proxecto de colaboración entre ambas entidades, a concepción e desenvolvemento dos Laboratorios de Educación Aberta (LEA) que serán presentados nestas mesmas xornadas e que aspiran a materializar unha liña de traballo estable as problemáticas nelas abordadas.

A grandes rasgos, a idea é reflexionar sobre as inevitables friccións entre un novo espazo discursivo, dominado pola horizontalidade, a apertura e as metodoloxías P2P, e o marco educativo institucional, condicionado pola súa rixidez, pola súa verticalidade e pola súa lóxica de inclusión-exclusión. É posible traducir esta antagonía en procesos de innovación social, pero para facelo resulta indispensable reivindica-lo chamado terceiro espazo, é dicir, a producción colectiva do público, de escenarios comunitarios de diverxencia que trascendan as funcións dos entornos doméstico e laboral, permitiendo resolver estas tensións de xeito creativo e productivo, en termos socioculturais.

Todos os interesados poderán asistir, o próximo 21 de xuño, entre as 16:00h e as 19:00h, ó local de Baleiro (Facultade de Filoloxía da USC, Avda. Castelao s/n, Campus Norte, Santiago de Compostela). Está confirmada a presenza de Carlos Ferrás Sexto, Director de Gis-T IDEGA, Adrián Hiebra, colaborador do mesmo grupo, e Daniel L. Abel / Víctor E. Pérez, coordinadores de Baleiro.

Sobre Gis-T.

O grupo de Investigación Sociedade Tecnoloxía e Territorio (GIS-T) forma parte do Instituto Universitario de Estudios e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da Universidade de Santiago de Compostela. É un grupo interdisciplinar no campo das Ciencias Sociais no que traballan de forma complementaria e coordinada profesionais de diferentes áreas cíentíficas: xeógrafos, economistas, traballadores sociais, sociólogos, arquitectos-urbanistas, psicopedagogos, etc. O seu obxectivo principal é contribuir ó desenvolvemento sostible de Galicia e a súa proxección internacional nos eidos social, económico e territorial na Sociedade da Información.

Liñas de investigación:

 Novas tecnoloxías e sociedade
 Desenvolvemento rural
 Planificación urbana e rexional
 Planificación estratéxica
 Planeamento participativo

Sobre Baleiro.

Baleiro é un equipo de traballo formado polos historiadores de arte Daniel López Abel (Lugo, 1979) e Víctor E. Pérez (A Coruña, 1981). O colectivo desenvolve a súa actividade no espazo do mesmo nome, unha oficina adscrita á Universidade de Santiago de Compostela pero de xestión independiente que serve de lugar de encontro, reflexión e producción de proxectos relacionados coa arte contemporánea. O seu traballo investiga as relacións entre arte, política e sociedade, e se plasma en textos, seminarios e exposicións. Redactaron o informe Arte+Espazo Público (2011) e editaron o libro de artista Camiños de desexo (2011), así como varios artigos en revistas culturais galegas. Teñen comisariado exposicións como Proxecto Procesos 1 (2004), Desastres estruturados e-2x (2006) ou Ponlle nome. Unha proposta de participación crítica (2008). Tamén teñen participado en diversos proxectos de educación e divulgación artística en colaboración co Consello da Cultura Galega, o Centro Galego de Arte Contemporánea e o Máster en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas da USC.

Máis información en: http://www.gist.es