Oficina CEER
 25-06-2012
ENTRE VIGO, CANADÁ E AS ONDAS DO MAR

30 expertos internacionais debaten a relación do país norteamericano cos seus océanos.

O congreso insírese no proxecto Os mercados culturais na globalización, do que forman parte 14 universidades.

Co Pacífico ao oeste, o Atlántico ao leste e o Ártico ao norte, Canadá está irremediablemente unido como país ao océano, á cultura do mar que o impregna todo, a arte, a literatura, o pensamento e os movementos políticos e sociais. A pesar dos miles de quilómetros que as separan, Canadá non é tan diferente de Galicia neste apego ao eido mariño. Estas analoxías son as que analizan e sobre as que debaten 30 expertos de universidades canadenses e europeas ao abeiro co congreso Canada and Beyond II: From Sea to Sea to Sea and Beyond, organizado pola profesora da Universidade de Vigo, Belén Martín Lucas e a profesora Pilar Cuder, da Universidade de Huelva.

Tras unha primeira edición celebrada en Huelva en 2010, este simposio ten como obxectivo, como explica Martín Lucas, “debater a relación de Canadá cos seus mares no contexto dos discursos dos nacionalismos canadenses, tendo en conta a polémica con respecto ao lema do escudo de armas canadense que din "de mar a mar" e a petición oficial ante o parlamento de diversas comunidades indíxenas para a inclusión do Ártico neste lema símbolo do estado”. Esta é unha mostra da interconexión das diferentes comunidades do país norteamericano co mar, por iso neste congreso analizaranse diversos modos culturais, especialmente literatura e artes visuais, explorando as contestacións aos discursos oficiais sobre a nación canadense que, segundo a profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución, “teñen unha orixe claramente colonial que se prolonga tamén no século XXI”.

Todo este estudo e debate artellarase a través de 25 comunicacións, unha conferencia plenaria, un recital poético con Chus Pato e Erín Moure e presentacións de libros e foros de discusión sobre futuros proxectos e formación de redes. O programa desenvólvese entre a Casa Galega da Cultura e a Biblioteca Central de Vigo ata este mércores 27 de xuño.

Unha ponte entre Galicia e o Canadá.
A relación que une á profesora Belén Martín Lucas co Canadá ven de lonxe, alí pasou parte da súa vida de estudante e arredor dela desenvolve o seu traballo de investigación. Como ela mesma explica “a literatura canadense é o meu ámbito de especialización” e imparte cursos de cultura canadense en inglés na Facultade de Filoloxía e Tradución dende hai case 20 anos. Ao longo deste tempo sucedéronse conferencias, congresos e seminarios de cultura canadense que trouxeron ata Vigo a algúns dos máis senlleiros representantes da cultura do país, como o crítico e poeta Fred Wah, Poeta Laureado de Canadá dende o pasado decembro, ou a poeta e tradutora Erín Moure, “unha persoa moi relevante nas conexións culturais entre Galicia e Canadá”.

Moure protagonizará xunto con Chus Pato o recital poético que complementará as sesións de traballo nas que se abordará a representación do mar na literatura de Canadá, a linguaxe poética do mar, o mar como motivo literario, “pero tamén aspectos máis sociais e políticos como a configuración da cultura nas provincias marítimas de Canadá ou na gran cidade portuaria e transnacional de Vancouver, o legado histórico da escravitude a través do chamado Black Atlantic, e os proxectos artísticos sobre a historia e xeografía do estuario de Stevenston”, explica Martín Lucas. Os trasvases culturais entre Galicia e Canadá serán parte moi importante do congreso, con dúas sesións este luns.

Esta estreita relación co mar fai que este congreso se inclúa dentro da programación de actividades do Campus do Mar. A súa temática insírese dentro das liñas de investigación dos clústers do campus de excelencia no seu estudo das culturas arredor dos océanos. A docente da Facultade de Filoloxía e Tradución explica que o tema do simposio, From Sea to Sea to Sea and Beyond, emerxe dun congreso celebrado en Lisboa en 2009 co título From Sea to Sea no que o poeta Fred Wah cuestionou as raíces coloniais deste lema. “A necesidade de revisar a exclusión histórica dos pobos indíxenas nas políticas de Canadá e os recentes cambios na política do goberno canadense respecto da protección dos océanos foron dúas pezas fundamentais á hora de decidir a temática do congreso”.

O proxecto Os mercados culturais na globalización Os mercados culturais na globalización: a produción, circulación e recepción da diferenza é un proxecto financiado polo programa de investigación fundamental non orientada do Ministerio de Economía e Competividade no que participa persoal investigador de 14 universidades de España, Portugal, Francia, Reino Unido, Canadá e Australia. Belén Martín Lucas é a investigadora principal e o congreso forma parte desta iniciativa. Explica que o obxectivo principal “é a diagnose do grao de influencia sobre a produción cultural dos suxeitos poscoloniais, inmigrantes e diaspóricos por parte das ideoloxías neoliberais, das circunstancias materiais e das forzas de mercado”. Analizan tamén as estratexias e prácticas de resistencia que se foron desenvolvendo en resposta á globalización dos mercados culturais facendo un estudo comparado da recepción de produtos culturais como a literatura, o cine, a música e as artes visuais en diversos países e contextos lingüísticos.

Fonte: duvi.uvigo.es