Oficina CEER
 03-07-2012
UNHA ESTUDANTE DA USC ENTRE OS CINCO ACCÉSITS DO CONCURSO TALENTOSDESIGN

Lúa Mosquera Tenreiro, da USC, acaba de ser galardoada cun dos cinco accésits concedidos na cuarta edición de TalentosDesign, concretamente o da categoría Deseño de Moda e Téxtil por Nicanora Colección 2012. Aberto a estudantado maior de 18 anos e matriculado nalgunha institución de educación superior, o obxectivo de TalentosDesign’12 era reunir artistas que puideran plasmar as súas ideas sobre a sustentabilidade e o deseño en diferentes ámbitos. As categorías nas que se podían participar eran Espazos e interiorismo; Industrial ou produtos; Gráfico; Moda e Téxtil; e Dixital. TalentosDesign é unha iniciativa da Fundación Banco Santander en colaboración con Universia, que xunta creatividade, sustentabilidade e innovación achegándose aos máis novos.

Os outros accésit, dotados cada un deles con 2.500 euros, foron para estudantes das universidades de Alacante, Granada e Valencia. O primeiro premio recaeu en Geovany Uriostegui, da Universidade Autónoma Metropolitana de México DF, polo proxecto “Alt+G”, unha aplicación para móbiles que ofrece a posibilidade de iniciar un horto urbano en casa, a través de información especializada totalmente gratuíta e un seguimento especifico e individual dende que se inicia a horto.

Dos 1.563 proxectos presentados a concurso, os usuarios vía web – 1.880.118 votos - elixiron un total de 50 obras, de entre as que un prestixioso xurado elixiu as seis finalmente gañadoras desta edición. O medio cento de proxectos finalistas, incluídas as propostas galardoadas, participarán nunha exposición no último trimestre de 2012 nunha sala de arte de Madrid.

Fonte: xornal.usc.es