Oficina CEER
 06-07-2012
SE QUERES DESCUBRIR O QUE MAR AGOCHA, VIANA DO CASTELO AGÁRDATE

A localidade lusa acolle desde o venres a Semana do Mar.

Organizada polo Campus do Mar, a Cámara Municipal de Viana e o Eixo Atlántico.

A localidade portuguesa de Viana do Castelo será o escenario desde este venres e ata o vindeiro martes 10 da Semana do Mar, dunha sucesión de actividades destinadas a achegar á cidadanía o traballo que desenvolven os investigadores que centran os seus estudos no medio mariño. A través de obradoiros, saídas de campo, proxeccións e relatorios, os veciños e veciñas de Viana do Castelo e localidades limítrofes poderán comprender a importancia que cara á conservación do medio ten o traballo que desenvolven os científicos. Organizada polo Campus do Mar, a Cámara Municipal de Viana do Castelo e o Eixo Atlántico, a Semana do Mar permitirá, previa inscrición, ás persoas que tomen parte nela realizar saídas de campo á Praia Norte e aos sistemas de dunas da Praia do Rodanho e mesmo navegar polo esteiro do río Lima. As visitas guiadas aos estaleiros navais e ao porto pesqueiro, así como ao navio-hospital Gil Eannes que desde a súa construción en 1955 apoiou á flota bacalladeira portuguesa que faenaba nos bancos de Terra Nova e Groenlandia e que na actualidade é un espazo museolóxico e unha pousada para a mocidade, son outras actividades incluídas no programa da Semana do Mar.

Cun carácter moito máis formativo están pensados os obradoiros, exposicións e proxeccións que se desenvolverán en diferentes escenarios da cidade lusa. Así, o Centro de Monitorização e Interpretação Ambiental (CMIA) acollerá a partir do venres a mostra Margens com vida que percorre sistemas naturais do litoral Norte, amosando, por exemplo, como se forman as dunas, que son os esteiros ou como se estuda o mar. Pola súa banda o navío-hospital Gil de Enannes levará a bordo unha mostra sobre a biodiversidade nos espazos naturais de Viana do Castelo e a Biblioteca Municipal a exposición Centro de Mar em Viana do Castelo. Mentres, no anfiteatro da Marina desenvolveranse os relatorios e as proxeccións de filmes temáticos. Os obradoiros que terán lugar no Jardim da Marina e o acto institucional Día nacional mar previsto para o martes 10, completan o programa da Semana do Mar na que as actividades se prolongarán desde as 9 da mañá ás 23.00 horas.

Fonte: duvi.uvigo.es