Oficina CEER
 10-07-2012
ÚLTIMOS CONCERTOS DA ACTUAL EXPOSICIÓN DE NORMAL

Despois de varias semanas cheas de música en Normal, o espazo e intervención cultural da Universidade da Coruña acolle os últimos concertos da exposición "Poñer cousas en orde". Será o mércores ás 20 horas cando actúen The Kanaloas no espazo musical do Almacén, dando paso a MCOM by Colectivo Oruga o xoves á mesma hora. A música estará acompañada dos cócteles do Baobab Bar. A entrada a ambas actuacións é gratuíta.

The Kanaloas é un grupo formado na Coruña a principios de 2007 que recrea o espírito das surf-bandsde principios dos anos 60 do século pasado. As súas influencias van desde o rock’n’roll instrumental de Link Wray ou The Ventures ata as bandas clásicas de surf.

MCOM é un formato reducido de Colectivo Oruga, un deserto de cables, sintes, samplers e caixas de ritmos. MCOM achégase coa súa proposta á escena raveira rusa, onde o vandalismo electrónico e o hedonismo conviven en harmonía co postpsychodance. O Colectivo Oruga é un dos máis importantes representantes da electrónica de vangarda a escala nacional cunha mestura de electro pop, inditrónica, electro rock, electro e visuais.

Toda a información en: http://pceo.istoenormal.org/

Fonte: udc.es