Oficina CEER
 13-07-2012
CIENTÍFICOS DA UNIVERSIDADE DA CORUÑA DESCUBREN UNHA NOVA ESPECIE PARA A CIENCIA

Biólogos do Grupo de Investigación en Bioloxía Evolutiva da Universidade da Coruña, da empresa de base tecnolóxica (spin-off) AllGenetics e do departamento de Biociencias da Universidade de Aarhus (Dinamarca) acaban facer público o descubrimento dunha nova especie de navalla, procedente da illa de Terranova, en Canadá.

A nova especie foi bautizada como Ensis terranovensis, despois de seren atopada na localidade de Long Pond, Conception Bay (Terranova). Este descubrimento enmárcase no proxecto colaborativo que os especialistas en xenética Joaquín Vierna, Ana M. González Tizón e Andrés Martínez Lage desenvolven co ecólogo mariño Kurt Thomas Jensen, da citada universidade danesa. O proxecto consistiu na realización dunha análise xenética das poboacións da navalla Ensis directus, o que permitiu detectar que a poboación analizada de Terranova é en realidade unha nova especie. Ensis directus é unha navalla nativa da costa leste de EEUU e Canadá que está invadindo a costa atlántica europea, atopándose actualmente desde o sur de Noruega ata Francia, con poboacións illadas en Gales e no golfo de Biscaia.

O achádego, que foi publicado na revista Marine Biology, espertou o interese de varios expertos do Canadian Museum of Nature, cos que os investigadores europeos realizarán novos estudos sobre a distribución, ecoloxía e historia evolutiva desta nova especie.

Ademais de no museo canadense, os especímenes de Ensis terranovensis foron depositados nas coleccións do Museo Nacional de Ciencias Naturais de Madrid, do Muséum national d´Histoire naturelle de París e do Zoologisk Museum da Universidade de Copenhague.

As navallas do xénero Ensis están presentes a ambos lados do Atlántico e nalgunhas zonas do Pacífico. Seis das catorce especies que se coñecen actualmente teñen un importante valor comercial nalgunhas rexións como Galicia, Chile ou Arxentina. Nas costas galegas existen cinco especies diferentes de navallas, catro delas pertencentes ao xénero Ensis, e unha última pertencente ao xénero Solen.

Fonte: udc.es