Oficina CEER
 19-07-2012
A UDC APROBA PARTICIPAR NUNHA EMPRESA TECNOLÓXICA DO VIVEIRO UNIVERSITARIO

O Consello de Goberno da Universidade da Coruña deu esta mañá o visto e prace á creación da empresa de base tecnolóxica Appentra Solutions SL. nacida no Viveiro de Empresas universitario e na que a UDC terá unha participación se o Consello Social ratifica, pola súa banda, esta decisión. A empresa Appentra Solutions xorde da inicitiva do profesor da Facultade de Informática Manuel Arenaz Silva, do departamento de Electrónica e Sistemas, xunto con outros dous profesionais. Entre os tres desenvolveron un produto que comercializarán en breve. Trátase dun sóftware que permite paralelizar os programas informáticos do ordenador que teñen un alto custe computacional, de tal forma que se aproveitan ao máximo os recursos dos dispositivos electrónicos e os optimizan para que se executen en menos tempo. Esta iniciativa ten aplicacións en Fórmula 1 ou en aeronáutica, onde a execución das aplicacións leva moito tempo. Ésta será a segunda empresa de base tecnolóxica na que a Universidade da Coruña teña participación, despois de que a finais do ano pasado se aprobase participar en Syntheractive, con sede no Centro de Investigación de Tecnoloxías da Información e da Comunicacións, CITIC. O Consello Social terá que aprobar tamén outros puntos que se trataron na orde do día de hoxe do Consello de Goberno da UDC para que entren en vigor, como o Regulamento de propiedade industrial e intelectual, o Regulamento de creación de empresas de base tecnolóxica e o Regulamento das contratacións previstas no artigo 83 da LOU.

O que está xa a aprobado é o calendario de admisión e matrícula en estudos de doutoramento para o vindeiro curso. Así, do 5 ao 26 de setembro terase que solicitar a admisión no departamento ou no órgano académico responsable do programa de doutoramento no que o alumno se queira matricular. O 4 de outubro publicarase a listaxe provisional de admitidos que, logo do prazo de reclamacións, poderán formalizar a matrícula entre o 21 de outubro e o 30 de novembro.

Finalmente, entre outros puntos da orde do día, o Consello de Goberno aprobou unha relación de actividades polas que os alumnos de Grao poderán obter recoñecemento de créditos e que se engloban en catro epígrafes: actividades de representación nos órganos de goberno e de representación da Universidade; actividades deportivas; actividades culturais e actividades de voluntariado, cooperación e internacionalización. A equivalencia varía entre un e tres créditos dependendo do número de horas que se invista na realización da actividade.

Fonte: udc.es