Oficina CEER
 30-07-2012
UNIVERSIDADES DA EURORREXIÓN PARTICIPAN NA ORGANIZACIÓN DO III CONGRESO IBÉRICO SOBRE O PAPEL DAS TIC NO ENSINO E NO DESENVOLVEMENTO LOCAL

O encontro será en novembro na vila portuguesa de Póvoa de Varzim e nel forman parte as tres universidades galegas, entre outras institucións das dúas beiras do Miño.

A USC forma parte, xunto coas outras dúas universidades galegas, do comité organizador da terceira edición do Congreso Ibérico TIC / Escola e Desenvolvemento Local, que se desenvolverá na localidade portuguesa de Póvoa de Varzim os días 23 e 24 de novembro próximos, tras as dúas primeiras edicións celebradas en Silleda (Pontevedra) nos anos 2005 e 2008.

Na organización do congreso participan tamén asociación para o desenvolvemento pedagóxico Nova Escola Galega e universidades do norte de Portugal (Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro e Escola Superior de Educação de Paula Frassinetti). Xesús Rodríguez Rodríguez, vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación, forma parte da comisión organizadora en representación da USC e Nova Escola Galega. Na comisión científica participan os tamén profesores da USC Mª Lourdes Montero Mesa e Pablo César Muñoz Carril.

Este encontro pretende constituírse nun foro de debate entre profesionais das dúas beiras do Miño sobre o estado actual das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) nos contextos escolares e non escolares. Deste xeito, docentes, educadores sociais, pedagogos, traballadores sociais e psicólogos, entre outros especialistas, compartirán experiencias sobre a importancia e as posibilidades das TIC nos ámbitos escolar e do desenvolvemento local.

O programa inclúe relatorios de investigadores e especialistas nestas áreas, procedentes de máis dunha ducia de universidades galegas e portuguesas, así como comunicacións de docentes de distintas procedencias. No encontro tamén se fará especial fincapé nos problemas derivados da ‘ fenda dixital’, é dicir, nas desigualdades de acceso ás novas tecnoloxías por parte de determinados colectivos ou comunidades.

A presentación oficial do congreso realizouse o luns 30 en Póvoa de Varzim, coa presenza de representantes de todas as entidades e institucións que forman parte do seu comité organizador.

Fonte:www.usc.es