O Porto de Ferrol, no muelle de Curuxeiras, acolle o proxecto “Mergúllate no océano” do Campus do Mar no que participa a Universidade da Coruña.
A Vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Araceli Torres Miño, inaugurará esta tarde, ás 17:00 horas, o proxecto “Mergúllate no océano”, no Muelle de Curuxeiras de Ferrol.
“Mergúllate no Océano» propón o achegamento das ciencias mariñas á sociedade a través da instalación dun espazo divulgativo para todos os públicos que oferta talleres, exposicións e actividades diversas co obxectivo de implicar ao público e invitalo a que invista parte do seu tempo de lecer en coñecer o mar e a súa contorna coa visión dun científico.
Esta acción enmárcase dentro das actividades de divulgación do Campus de Excelencia Internacional, Campus do Mar que, liderado pola Universidade de Vigo, conta coa experiencia doutras sete universidades da Eurorrexión Galicia‐Norte de Portugal, o CSIC e o IEO, así como numerosas plataformas e centros tecnolóxicos.
A actividade desenvólvese nun recinto expositivo itinerante duns 200 metros cadrados de superficie formado por pequenas carpas, que está dividido temáticamente en cinco módulos co obxectivo de dar unha perspectiva ampla de todas as áreas de coñecemento que abarcan os investigadores do Campus do Mar (as TIC, Enxeñaría, Ecoloxía, Bioloxía, Oceanografía, etc.).
A acción divulgativa organízase espacialmente nun recinto rectangular aberto. No interior divídense os diferentes espazos para cada un dos talleres divulgativos e créase así un percorrido de actividades e exposición de elementos que a persoa participante visita baixo a supervisión de persoal experto en divulgación.
A todo isto súmanse as proxeccións de cine submarino na rúa que se realizarán pola noite, contra as 22:30 horas, xusto a continuación do peche dos talleres.
O obxectivo desta acción é ofrecerlles a posibilidade aos cidadáns de coñecer os fondos mariños tanto das nosas costas como doutros lugares do mundo a través de películas de calidade que foron proxectadas no Festival de Cine Submarino de Vigo.
Fonte: www.udc.es