CONTINÚA ABERTO DURANTE TODO O MES DE AGOSTO O PRAZO DE ENVÍO DE COMUNICACIÓNS PARA O III CONGRESO IBÉRICO DO LOBO
O prazo de presentación de comunicacións para o III Congreso Ibérico do Lobo, que se celebrará na Facultade de Veterinaria de Lugo entre o 23 e o 25 de novembro, continúa aberto ata o próximo 31 de agosto.
Ata esa data poderanse presentar comunicacións, tanto orais como en formato panel, cuxa temática se insira no ámbito de estudo do lobo ibérico (bioloxía, ecoloxía, xestión e conservación...). O comité organizador remitirá aos responsables do comité científico as comunicacións recibidas, e estes confirmarán antes do 15 de setembro a súa aceptación ou rexeitamento, conforme os criterios do comité científico. O comité organizador establece tres categorías para os traballos presentados: ecoloxía e bioloxía, xestión e conservación e relacións entre o lobo e o ser humano.
Punto de encontro para os expertos
O congreso ten como fin “congregar a todos os investigadores e xestores de España e Portugal que traballan co lobo ibérico, para poñer en común os últimos avances realizados na xestión, investigación e conservación desta especie”, explican os organizadores. Investigadores, técnicos e persoal da Administración, representantes de entidades gobernamentais e organizacións sen ánimo de lucro vinculadas ao lobo ibérico están convidadas a participar neste foro, ben sexa como asistentes ou como relatores.
Este encontro está organizado pola Asociación Galega de Custodia do Territorio, e no seu comité científico participan os profesores da USC Luís Eusebio Fidalgo Álvarez e Ana López Beceiro. As dúas edicións anteriores tiveron lugar nos anos 1997 e 2005.