Oficina CEER
 23-08-2012
A USC PARTICIPA NA ORGANIZACIÓN DUN SIMPOSIO SOBRE AS VIAXES E OS VIAXEIROS DA ANTIGA GALLAECIA

O encontro celebrarase os días 14 e 15 de setembro no centro arqueolóxico Aquis Querquennis de Bande (Ourense).

O campamento romano de Aquis Querquennis, situado nas inmediacións da vila ourensá de Bande, será entre os días 14 e 15 de setembro a sede do simposio "Vias, viaxes e viaxeiros na Gallaecia antiga", organizado pola USC e a Fundación Aquae Querquennae-Via Nova.

O venres 14 a actividade comeza ás 10.00 horas cun relatorio do profesor da Universidade da Coruña Xoán Ramón Vidal Romaní centrado na xeoloxía e litoloxía nas rutas históricas da Gallaecia. A continuación, o tamén profesor da Universidade da Coruña Víctor Alonso Troncoso intervirá para falar sobre as figuras de Odiseo e Telémaco como prototipos de viaxeiros na Grecia clásica. A última conferencia da xornada correrá a cargo de Xosé Lois Armada, do CSIC, e tratará sobre os restos romanos de Santa Comba (Cobas - Ferrol), como exemplo de xacemento na vía marítima atlántica.

A xornada de tarde deste primeiro día estará reservada para a realización dunha viaxe de estudo por un pequeno sector da Via Nova entre Portela de Home e Volta do Cobo, ao remate da cal os participantes no simposio poderán asistir a unha conferencia na que se achegarán as conclusión provisionais sobre o percorrido da Via Nova romana, logo de doce anos de investigación. O encontro terá lugar no Museo dos Miliarios de Portela de Home, no municipio portugués de Terras de Bouro.

O sábado 15 a profesora da USC Ana Goy Diz abrirá a xornada cun relatorio sobre a etapa neoclásica da Torre de Hércules, logo do cal o profesor da Universidade da Coruña Xosé Ramón Soraluce Blond falará da restauración dalgúns monumentos arqueolóxicos galegos. Antonio Rodríguez Colmenero, da USC, intervirá cun relatorio sobre as novidades na via Per Loca Maritima do Itinerario de Antonino, e a conferencia de clausura virá da man de Felipe Senén López, da Deputación da Coruña, e nela farase unha escolma das viaxes lendarias vinculadas a Galicia.

O simposio remata cunha sesión de tarde consistente nunha andaina pola vía romana Aquis Querquennis - Lucus Augusti e unha visita ao castro de Lobosandaus.

As persoas interesadas en asistir a este encontro poden realizar a súa inscrición a través dos correos aquae@telefonica.net ou jmanuelsobrado@gmail.com. O prezo da matrícula é de 20 euros.

Fonte: xornal.usc.es