Oficina CEER
 28-08-2012
O ACONTECEMENTO NO PENSAMENTO CONTEMPORÁNEO CENTRA UN DOS CURSOS DE VERÁN DA USC PARA O MES DE SETEMBRO

A actividade desenvolverase os días 6 e 7 no Salón de Graos da Facultade de Filosofía.

Política da filosofía: o problema do acontecemento no pensamento contemporáneo é o nome dun dos cursos de verán da USC. A actividade desenvolverase no Salón de Graos da Facultade de Filosofía e está dirixida polo profesor Francisco Conde Soto.

O xoves 6 a actividade ábrese ás 9.45 horas coa inauguración do curso, na que estarán presentes o seu director e membros da iniciativa Proxecto Derriba, que participa na súa organización. O primeiro dos relatorios correrá a cargo de Lucía Castro, da Universidade Complutense de Madrid, e leva por título "Pensar o acontecemento: a proposta de Martin Heiddeger". A continuación Francisco Conde, director do curso, intervirá para falar sobre psicanálise e acontecemento, nun relatorio centrado nas figuras de Freud e Lacan. A sesión de tarde inclúe dúas conferencias: "Acontecemento ou a posibilidade do imposible", de Delmiro Rocha, e "Pierre Bourdieu: O acontecemento no proceso de reprodución social", de Diego Lubián. Ambos os dous pertencen ao Departamento de Filosofía da UNED.

A actividade do venres 7 iníciase co relatorio de Abraham Rubín (doutor en Filosofía pola UNED) sobre o desexo do acontecemento en Gilles Deleuze e Félix Guattari, tras o cal Beatriz Blanco (doutora en Filosofía pola UNED) impartira unha charla titulada "Performatividade e acontecemento na (re)produción dos suxeitos". Xosé Manuel López, profesor de ensino secundario achegará a súa particular visión da viaxe ao acontecemento desde Eagleton, e o curso péchase co relatorio "O Marx intempestivo de Daniel Bensaïd", a cargo de Brais González Arribas.

Fonte: xornal.usc.es