Oficina CEER
 30-08-2012
EXPERTO MUNDIAL EN FAUNA DE COVAS SUBMARINAS VISITA A UDC

O biólogo de orixe galega Alejandro Martínez, da Københavns Universitet, dará mañá unha charla no Viveiro de Empresas de Base Tecnolóxica da Universidade da Coruña, invitado pola compañía AllGenetics.

A Universidade da Coruña acollerá hoxe xoves, 30 de agosto ás 12:00 horas, a charla que o biólogo Alejandro Martínez impartirá no Viveiro de Empresas de Base Tecnolóxica, situado no Edificio de Servizos Centrais de Investigación, no Campus de Elviña, e que leva como título: “Baixo os adoquines, a praia: historias evolutivas de anélidos intersticiais, anélidos cavernícolas e… anélidos intersticiais cavernícolas”.

Alejandro Martínez é investigador predoutoral no grupo da profesora Katrine Worsaae, da Københavns Universitet (Dinamarca). As súas investigacións ofreceron importantes conclusións sobre os procesos de especiación e evolución asociados a cambios morfolóxicos, nas que se utilizou un grupo de gusanos mariños (anélidos) como modelo. O pasado ano recibiu o premio á mellor presentación oral no II International Congress of Invertebrate Morphology, celebrado na Harvard University (EE.UU.). A pesar da súa xuventude, 27 anos, xa ten publicados vinte artigos científicos, algúns deles en revistas de alto impacto, e xa se converteu nun experto mundial na súa especialidade.

Nos últimos anos, Martínez realizou expedicións submarinas nas covas das Azores, Baleares e a illa de Cerdeña, aínda que as súas investigacións centráronse especialmente na illa de Lanzarote. O seu traballo consiste en identificar a microscópica fauna intersticial, que habita no sedimento das covas submarinas, e comparala coa existente no sedimento mariño de diversas rexións do planeta.

Grazas ao proxecto da profesora Katrine Worsaae, Alejandro Martínez e os seus compañeiros finalizaron o pasado mes de novembro unha expedición en Lanzarote, na que participaron expertos de once universidades de todo o mundo. Nela, exploráronse covas submarinas a profundidades de trinta metros, e nas que os investigadores chegaron a penetrar ata os 700 metros. A expedición permitiu o descubrimento de sete novas especies de animais cavernícolas. Segundo explica Martínez “algunhas destas especies están relacionadas con outros grupos de invertebrados de augas profundas, así como con outros grupos de animais moi antigos na árbore da vida animal”. Estas novas especies son pezas chave para entender a evolución dos organismos cavernícolas.

A charla enmárcase dentro dos cafés científicos “Infuscience” que AllGenetics vén organizando en colaboración coa Universidade da Coruña e a empresa coruñesa TeaGarden varias veces ao ano. Neste eventos, os científicos invitados presentan as súas investigacións nun ambiente distendido no que se espera que a audiencia participe activamente.

Fonte: udc.es